Os nacionalistas denuncian que o Partido Popular saca agora o plan de asfaltados pensando nas eleccións de maio. “De Dorrón a Noalla, existe un abandono das parroquias que non se soluciona prometendo 15 quilómetros de novo firme”, reprochan
O Bloque recordou durante o Pleno deste xoves a falta de interese de Telmo Martín polo rural e destacou que moitas das actuacións realizadas polo Goberno local só se levaron a cabo a raíz das críticas veciñais trasladadas polo grupo da oposición, como en Mourelos ou no Camiño da Torre
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo volveu deixar en evidencia no Pleno extraordinario deste xoves a falta de interese do Goberno de Telmo Martín polo rural, do que só se lembra cando restan uns meses para as próximas eleccións locais. Coa proposta aprobada na sesión de hoxe, para dar luz verde a un crédito extraordinario para asfaltado de camiños, o único que busca o señor Martín é tratar de contentar á xente das parroquias do rural prometendo 15 quilómetros de novos firmes. “Para os veciños e veciñas que non vivimos nos núcleos urbanos isto é pouco menos ca unha tomadura de pelo e unha falta de respecto”, criticou o voceiro nacionalista, Octavio González, que destapou os intereses políticos do alcalde. “O Partido Popular pretende ser solidario co rural de Sanxenxo cando o mandato está case esgotado, pero durante os tres anos e medio anteriores nin Telmo Martín nin o seu equipo se lembraron das parroquias, que a día de hoxe seguen padecendo un abandono inadmisible”, denunciou o edil do Bloque. A maneira de proceder do Goberno local foi o que levou aos nacionalista a optar pola abstención da votación. “Benvidos sexan eses 15 quilómetros de asfaltado, pero a actuación é insuficiente e non tapa as enormes carencias que existen de Dorrón a Noalla, e que se foron incrementando e facéndose cada vez máis patentes pola falta de acción do PP, especialmente durante os meses de verán”, lembrou González.
O voceiro do BNG de Sanxenxo instou a Telmo Martín a que aclarase as razóns polas que este plan de asfaltados non se incluíu no seu momento á hora de aprobar os Orzamentos de 2026. “Un Goberno serio non deixaría esta débeda histórica co rural para o final do mandato, pero ao señor Martín o que lle preocupa é por en marcha a súa maquinaria electoralista, e non as necesidades de milleiros de veciños e veciñas”, lamentou Octavio González, que tamén ten claro que a meirande parte das actuacións que se fixeron o rural foron grazas á presión veciñal, canalizada a través do labor fiscalizador do BNG.
“Desde 2023 o noso grupo esixiu e propuxo a mellora de numerosas pistas e camiños, que, doutro xeito, o Goberno do PP non levaría a cabo. Temos os exemplos de Mourelos ou do Camiño da Torre, nos que o Concello finalmente actuou, a rebufo da oposición. Agora, a preocupación de Telmo Martín é anunciar propaganda a bombo e platiño’, deixando, iso si, as migallas para o rural”, engadiu o voceiro do Bloque. González garante que “o BNG gobernará dun xeito moi diferente, dándolle ao rural o protagonismo que merece e cubrindo as súas necesidades, que van máis alá dos asfaltados. O rural tamén é cultura, infraestruturas, educación e servizos”, puntualizou.
Por último, os nacionalistas non esconderon o seu malestar pola maneira de proceder do Goberno do PP á hora de convocar este Pleno extraordinario, do que a oposición non tivo constancia ata o último momento. “Parécenos unha tomadura de pelo que teñamos que enterarnos desta convocatoria pola prensa. É de vergoña allea”, apuntan desde o Bloque, que salientan que esta forma de actuar súmase á política de opacidade e escurantismo que está a caracterizar o mandato de Telmo Martín.

