O BNG da Estrada esixe á Xunta que corrixa a raia continua do cruce do Rollo, que illa os veciños de Santa Cristina de Vea e Cora

Redacción


Marcos Borrageros: “A Xunta non pode bloquear toda unha parroquia e impedirlle circular cara á vila da Estrada”

O BNG da Estrada recibiu as queixas de veciños e veciñas de Santa Cristina de Vea e Cora pola raia continua que a Xunta de Galicia pintou no cruce do Rollo, que lles impide coller cara á vila da Estrada. Ante esta situación, o candidato do BNG á alcaldía, Marcos Borrageros, insta o goberno galego a arranxar “este despropósito” canto antes.

A actuación deixa a quen circula por esa zona con só dúas alternativas: virar á dereita ata a Panadería ou desviarse por Santeles e Toedo, o que supón unha volta moito maior e moito máis tempo de traxecto.

“Non temos nada que obxectar a que se actúe en materia de seguridade viaria, pero este non é o xeito. Estamos a falar dun treito no que a velocidade está limitada a 60 quilómetros por hora, polo que a perigosidade do cruce redúcese notablemente. A medida é desproporcionada”, sinalou Borrageros.

Raia desdebuxada e multas

Para máis inri, a raia, que xa leva tempo pintada, atópase desdebuxada, o que dificulta ver con claridade que se trata dunha raia continua. Esta situación está a provocar que veciños e veciñas que a atravesan sexan sancionados con multas, o que está a xerar unha forte indignación veciñal.

“A xente non só ten que facer un rodeo inxustificado, senón que ademais se expón a ser multada por unha sinalización que a propia Xunta deixou sen o mantemento axeitado”, denunciou o candidato nacionalista.

Esixencia á Xunta

O BNG da Estrada insta a Xunta de Galicia a revisar a sinalización do cruce do Rollo e a adoptar as medidas necesarias para restablecer a circulación cara á vila da Estrada, garantindo ao mesmo tempo a seguridade viaria.

“A Xunta non pode bloquear toda unha parroquia, impedíndolle a circulación cara á vila da Estrada. Esixímoslle á administración autonómica que rectifique e que atenda as demandas dos veciños e veciñas de Santa Cristina de Vea e Cora”, concluíu Borrageros.

Comparte este artigo