O BNG da Estrada esixe medidas urxentes na N-640 e a construción da variante tras o último atropelo mortal

Redacción
  • Marcos Borrageros denuncia que o tramo urbano acumula 12 atropelos e 3 persoas falecidas desde o ano 2019.
  • O candidato á alcaldía critica a “inacción” do Ministerio de Transportes, que en 2024 rexeitou considerar a vía como un tramo de concentración de accidentes.
  • A formación nacionalista insta ao Goberno español a “poñer orde nas súas prioridades” porque “tomar medidas é unha cuestión de salvar vidas”.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Estrada quixo estender, a través do seu candidato á alcaldía, Marcos Borrageros, o seu máis profundo pesar polo falecemento da veciña que foi atropelada o pasado xoves no casco urbano da vila. Cunha nova vítima mortal, o BNG alerta de que o paso da estrada N-640 pola localidade volve amosar a súa cara máis tráxica, acumulando xa un total de 12 atropelos e 3 persoas falecidas desde o ano 2019.

Borrageros subliñou que a perigosidade deste tramo “non é ningunha novidade” e lembrou que o BNG da Estrada leva anos reclamando melloras estruturais na seguridade da vía. A principal demanda dos nacionalistas segue a ser a construción dunha Variante que reduza, de xeito definitivo, o tráfico pesado polo centro do casco urbano, co obxectivo de protexer á cidadanía de “desafortunados accidentes como o do pasado xoves”.

Unha resposta ministerial “inaceptable”

O candidato do BNG explicou que estas demandas foron levadas polo seu grupo a todas as institucións posibles, incluíndo o Concello, o Congreso e o Senado en varias ocasións, e que mesmo formaron parte do acordo de investidura do Goberno de Pedro Sánchez. Con todo, Borrageros cualificou de indignante a postura de Madrid: “A resposta que tivemos do Ministerio de Transportes no 2024 é a de que esta vía non ten a consideración de tramo de concentración de accidentes e que, polo tanto, todo apunta a que non van ter presa en tomar medidas”.

Ante esta situación, o líder nacionalista amosouse moi crítico coa falta de sensibilidade institucional. “Preguntámonos con que cara lle van pedir nada á xente da Estrada se, despois de ver os datos, lle din á veciñanza que non se trata dunha vía perigosa, cando moitos dos atropelos se produciron encima dos propios pasos de peóns”, denunciou.

“Non abondan as estatísticas: hai que salvar vidas”

Para o BNG da Estrada, o custo social e humano que está a pagar o municipio pola falta de reformas é intolerable. “A vida dunha estradense xa é un prezo a pagar demasiado alto pola inaccion”, afirmou Borrageros, quen incidiu en que detrás dos números hai nomes propios, familias afectadas e moitas outras persoas que resultaron feridas de gravidade nestes últimos anos.

Por todo isto, desde o BNG esíxenlle directamente ao Goberno español de PSOE e Sumar que “poñan orde nas súas prioridades”, que asuman os seus compromisos coa Estrada e que actúen de inmediato. “Tomar medidas para paliar os accidentes e impulsar a variante da Estrada non é unha cuestión burocrática e administrativa para quedar mellor ou peor; é unha cuestión de salvar vidas e de mellorar a seguridade da nosa vila”, concluíu o candidato.

Comparte este artigo