O BNG da Estrada esixe solucións ante as reiteradas deficiencias na recollida do lixo provocadas pola “privatización encuberta” do PP

Redacción

O portavoz nacionalista, Xoán Reices, insta ao goberno local a dar explicacións no vindeiro Pleno polas queixas veciñais en núcleos do rural como O Sol, Balboa e Lagartóns.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Estrada volveu poñer o foco sobre a deficiente xestión dos servizos públicos por parte do goberno municipal do Partido Popular. En concreto, os nacionalistas denuncian que os problemas detectados na recollida do lixo no termo municipal non son feitos illados, senón unha consecuencia directa do modelo de “privatización encuberta” implantado polo PP.

O portavoz do BNG na Estrada, Xoán Reices, sinalou que a degradación do servizo é un problema reiterado que afecta de xeito grave á calidade de vida dos veciños e veciñas. Segundo Reices, a decisión do goberno local de delegar e privatizar parcialmente esta prestación fundamental, “ que nin contrato ten a empresa que fai a recollida ”, afirmou Reices, “só serviu para minguar o control público sobre a calidade do servizo e prexudicar, fundamentalmente, ás parroquias”.

Abandono no rural: O Sol, Balboa e Lagartóns

Como mostra desta situación, o BNG formulará unha pregunta oral para o vindeiro Pleno municipal, ante a persistencia de eivas graves en diversos puntos do rural.

“Pode explicar o Goberno municipal por que continúan producíndose reiteradas deficiencias na recollida de lixo en núcleos do rural como O Sol (Rubín), Balboa e Lagartóns, malia as queixas trasladadas pola veciñanza e polos alcaldes de barrio, e que medidas concretas vai adoptar para garantir un servizo adecuado e en igualdade de condicións co resto do municipio?” cuestiona o voceiro nacionalista.

Un servizo en igualdade de condicións

Dende a formación nacionalista lembran que tanto os residentes de Lagartóns, Balboa ou O Sol (Rubín), como os de calquera outro punto do concello, pagan os seus impostos relixiosamente e teñen dereito a recibir un servizo axeitado.

O BNG esixe ao executivo local que asuma a súa responsabilidade, que deixe de agocharse detrás de empresas concesionarias e que aplique medidas urxentes e concretas para corrixir estas eivas de xeito inmediato, garantindo que o rural estradense non sexa tratado como un territorio de segunda, porque “semella que ao alcalde do PP só lle preocupa a recollida do lixo na Vila para que non se lle desluza o San Paio”.

Aposta pola remunicipalización

Fronte ao modelo do PP de “precariedade laboral, pésimo servizo e privatizacións encubertas”, o BNG reafirma a súa aposta pola xestión pública directa. “O Bloque teno claro: apostamos polos servizos públicos. A recollida do lixo debe ser un servizo xestionado dende o público, porque é a única forma de garantir dereitos laborais dignos, eficiencia económica e un servizo de calidade para a veciñanza”, sentenciou Reices.

Comparte este artigo