O BNG da Estrada exixe ao goberno do PP e ao alcalde medidas contundentes ante os continuos e graves cortes de electricidade que afectan a todo o concello

Redacción
  • Marcos Borrageros denuncia que as deficiencias na rede eléctrica son xa un problema diario en numerosas parroquias e na propia vila, afectando a vivendas, comercios e servizos.
  • O candidato nacionalista á alcaldía insta ao Concello a poñerse da parte da veciñanza, exixir responsabilidades e solucións inmediatas ás compañías subministradoras e canalizar as reclamacións por danos.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Estrada fixo pública hoxe a súa profunda preocupación e malestar ante a vaga de microcortes, baixadas de tensión e interrupcións do subministro eléctrico que veñen sofrendo de forma continuada e xeneralizada numerosas zonas do municipio.

As denuncias veciñais recompiladas nas últimas xornadas amosan a enorme dimensión e extensión territorial deste problema. Zonas e parroquias como Berres, Rubín, Ancorados (Porto), Riobó, Parada, Tabeirós, Agar, Arnois, Guimarei ou rúas do casco urbano como Fernando Conde están a padecer cortes prolongados de varias horas, baixadas bruscas de intensidade e fallos constantes da luz que poñen en risco electrodomésticos, equipos informáticos e a actividade económica do concello. En casos como Agar ou Arnois, a veciñanza sinala abertamente que as interrupcións son xa «un problema a diario e durante varias horas».

Ante esta situación insostible, o candidato do BNG á alcaldía da Estrada, Marcos Borrageros, exixiu unha resposta inmediata e contundente por parte do goberno municipal do Partido Popular e do propio alcalde:

«É inaceptable que no ano no que estamos a veciñanza da Estrada teña que convivir con cortes de luz diarios e continuas baixadas de tensión sen que o Concello faga nada. O goberno do PP non pode seguir actuando como se isto non fose con eles nin poñer escusas. O alcalde ten o deber de defender aos veciños e veciñas da Estrada fronte ao abandono e o desleixo das empresas subministradoras de electricidade», declarou Borrageros.

Falta de investimentos e xestión da rede

Desde a formación nacionalista sinalan que, independentemente dos picos de demanda puntuais que se poidan producir na época estival por mor da celebración de festas ou eventos, a orixe do problema radica na falta de mantemento e de investimentos de mellora na rede de distribución eléctrica por parte das empresas subministradoras, que cobran tarifas elevadísimas mentres prestan un servizo deficiente no medio rural e nas vilas.

«Se a rede eléctrica do noso concello cae ou colapsa cada vez que hai unha subida de demanda, o problema non é da veciñanza nin da actividade do concello, é duns servizos e dunas infraestruturas eléctricas obsoletas que precisan actuacións e investimentos urxentes», subliñou o candidato nacionalista.

Solicitude de medidas inmediatas ao Concello

Por todo isto, Marcos Borrageros e o BNG da Estrada reclaman ao goberno municipal do PP a adopción inmediata das seguintes medidas:

  • Convocatoria e esixencia formal ás empresas eléctricas: Que o alcalde chame a capítulo de maneira urxente ás direccións das empresas subministradoras e de distribución eléctrica para exixirlles un plan de choque inmediato, a revisión das liñas e o compromiso de investimentos para garantir a calidade e continuidade da subministración.
  • Oficina municipal de atención e reclamacións: Que o Concello habilite un servizo de asistencia e asesoramento para canalizar e tramitar todas as queixas e reclamacións da veciñanza por avarías e danos causados en aparellos eléctricos polas baixadas e subidas de tensión.
  • Informe técnico sobre o estado da rede: Que os servizos técnicos municipais elaboren un mapa dos puntos máis críticos de falas de subministro no rural e na vila para esixir solucións concretas parroquia por parroquia.

«A Estrada e a súa veciñanza pagan polos seus recibos da luz prezos de primeiro nivel e merecen un servizo digno e de calidade, non un subministro propio do século pasado. O BNG estará ao lado dos veciños e veciñas exixindo solucións ata que se garanta unha rede eléctrica fiable en todo o municipio», concluíu Marcos Borrageros.

Comparte este artigo