É o día no que celebramos máis fervorosamente que somos galegos e galegas, que temos unha lingua, unha cultura e unha identidade propias
O BNG da Estrada sumouse á campaña previa ao Día da Patria Galega facendo un chamamento público a toda a veciñanza estradense para participar na manifestación que se celebrará este sábado 25 de xullo en Santiago de Compostela.
A organización local salienta a importancia desta cita nun momento no que cómpre reivindicar a condición de Galiza como nación, así como a necesidade de contar con soberanía e capacidade de decisión propia fronte ás decisións que se toman lonxe da realidade galega.
O BNG estradense escolleu a praza da Farola e concretamente a estatua de Castelao, Virxinia e o seu fillo para facer este chamamento a mobilizarse este 25 de xullo, o día no que celebramos máis fervorosamente que somos galegos e galegas, que temos unha lingua, unha cultura e unha identidade propias. Tamén é unha xornada clave para defender uns servizos públicos de calidade, a lingua e a cultura propias, unha industria sostible,… unhas reivindicacións que hoxe compartiría o noso referente político máis importante, Castelao.
O BNG da Estrada fai tamén un chamamento especial á mocidade do concello. Sendo o futuro do País e da comarca un dos eixes centrais da cita do 25 de Xullo, o Bloque convida á xente nova a tomar a palabra e organizarse para defender unha Galiza con máis oportunidades profesionais, dereitos e servizos públicos fortalecidos que eviten a emigración e garantan a calidade de vida no rural e nas vilas.
A mobilización partirá o vindeiro 25 de xullo ás 12:00 horas dende a Alameda de Santiago de Compostela.
Neste chamamento público participaron Ariadna Fernández (deputada), Xoán Reices e Sindo Vilamaior (concelleiros), así como militantes e simpatizantes da organización nacionalista.

