- Borrageros, historiador de 27 anos cunha fonda implicación cultural no concello, sitúa a loita contra o despoboamento, a vivenda e a económica local como os eixes centrais do proxecto.
- “Temos que facer, dunha vez por todas, que os tuppers do domingo non vaian parar ás neveiras doutro concello. Facer que a xente queira estar”, afirma o candidato
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Estrada presentou oficialmente no día de hoxe a Marcos Borrageros como o seu cabeza de lista para as vindeiras eleccións municipais do ano 2027. Cunha traxectoria marcada polo dinamismo xuvenil e o compromiso cultural co concello, a elección de Borrageros supón unha firme declaración de intencións por parte da organización nacionalista, que sitúa a aposta pola mocidade na vangarda do seu proxecto estratéxico.
Desde o BNG subliñan que esta renovación xeracional será tamén unha das grandes prioridades á hora de confeccionar a candidatura completa para os comicios. Unha aposta que, lonxe de rachar co pasado, se concibe como unha fórmula de equilibrio que combina o pulo e o inconformismo dos máis novos coa bagaxe e a inestimable experiencia que achegan os actuais cargos públicos do concello, a militancia e os simpatizantes máis veteranos da organización. Nese sentido, o xa candidato quixo abrir a súa intervención cun especial agradecemento ao labor parlamentario de Ariadna Fernández desde 2024, así como ao traballo a pé de rúa realizado por Xoán Reices e Sindo Vilamaior no grupo municipal.“O doado era marchar, pero A Estrada precisa propostas serias para ter máis futuro que pasado”
Durante o seu discurso de presentación, Borrageros debuxou unha radiografía crítica pero esperanzadora do municipio, incidindo na urxencia de reverter a sangría demográfica e o abandono que sofren as 51 parroquias estradenses. “O doado era non estar, virarlle as costas á política e coller a maleta coma moitos dos meus amigos para buscar un futuro fóra do concello onde haxa emprego, vivenda e servizos”, confesou de xeito franco o candidato, quen asegurou que o BNG non se conforma con “remendos sinxelos” nin cunha xestión estancada nun “barullo de mentiras e acusacións” que non atende a realidade cidadá.
Borrageros afeou ao actual goberno local que pretenda solucionar a perda demográfica “enviando unha carta para que a xente se empadroe” ou limitando a súa acción de goberno a “mover unha farola dous metros”. Censurou tamén que os fondos destinados ao rural se traduzan unicamente en “asfaltados puntuais e bacheos que se sintan máis como favores que como propostas de desenvolvemento”, lembrando que o concello conta con máis de 51 motivos para investir con ambición nas súas parroquias. Igualmente, advertiu do perigo de que as novas infraestruturas, como a autovía, sirvan só para converter A Estrada nunha “vila dormitorio” e acelerar a marcha da xuventude por falta dun tecido produtivo local.
Fronte a isto, o candidato do BNG propuxo un cambio de rumbo baseado en proxectos serios e na réplica de modelos de éxito que o Bloque xa desenvolve noutros concellos do país:
“É o momento de aplicar plans industriais que aseguren o desenvolvemento das nosas empresas e reformular o plano urbanístico para que as e os estradenses poidan vivir na vila e nas parroquias. Temos que facer, dunha vez por todas, que os tuppers do domingo non vaian parar ás neveiras doutro concello. Facer que a xente queira estar”.
Borrageros concluíu a súa intervención cunha mensaxe de optimismo e de mobilización de cara ao futuro: “O BNG e máis eu estamos aquí para meterlle unha marcha máis á política local. Veñen novos tempos e nós imos ser o motor do cambio construído desde abaixo. O aire xa comeza a ulir a BNG”.
A traxectoria do candidato: formación, traballo e defensa da identidadeMarcos Borrageros (27 anos), natural do lugar de Fraíz na parroquia de Olives, cursou os seus estudos obrigatorios no CEIP do Foxo, no IES Avelina Valladares —centro ao que regresou anos despois como docente en prácticas— e no IES Antón Losada Diéguez. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e cun Mestrado en Formación do Profesorado, conta cunha variada traxectoria laboral que iniciou no sector da hostalaría local como camareiro e repartidor. Posteriormente, exerceu como técnico de arquivos municipais, coordinador do Programa Pisa en 2025 e, na actualidade, traballa como guía cultural na contorna da catedral de Santiago.
Moi vinculado ao tecido asociativo, é membro desde 2019 da Asociación Cultural Vagalumes —entidade galardoada co Premio San Martiño de Normalización Lingüística en 2020 e finalista nos Premios Rebumbio de 2026—. Ademais, foi finalista do certame “Youtubeiro Revelación” en 2022 pola súa canle de divulgación histórica e participou en campañas arqueolóxicas coa UVigo, ademais de publicar diversas investigacións históricas de ámbito local.
Aridana Fernández e Xoán Reices apoian a Marcos Borrageros
Por outra parte, o actual portavoz municipal do BNG, Xoán Reices, afirmou que coñece a Marcos “o suficiente para ver que é unha persoa honesta, intelixente, e traballadora. E isto é o único que se lle debe pedir a un político, anque lamentablemente non sexa o máis común”.
Reices parabenizou a implicación de Borragers, indicando que “é tan meritorio que unha persoa nova da Estrada, se quede na Estrada, intente cambiar as cousas e teña a valentía de mollarse, poñer o lombo, poñer a cara, e levalas. Porque algunha vas levar, Marcos”, afirmou.
No acto de presentación tamén participou a deputada do BNG da comarca, Ariadna Fernández, que indicou que está “convencida de que os grandes cambios comezan estando preto da xente, achegándolle aos e ás estradenses un novo concepto de concello, un modelo que o BNG ven desenvolvendo dende hai moitos anos en vilas e cidades que son exemplo en moitas das súas políticas e formas de traballar, coma pode ser Pontevedra, Tomiño, Allariz ou Muras, e que os veciños e as veciñas estamos convencidas de que valorarán e os resultados nos avalarán”. “É o momento dun cambio,”, afirma Ariadana, “hai que abrir as portas do concello para que deixen entrar o aire que leva moitos anos estancado, cun goberno municipal sen proxecto definido mais que o de manterse no poder, e sen que as preocupacións reais dos veciños e veciñas teñan resposta nin por parte do goberno local nin por parte do goberno da Xunta.”.

