Afirman que a fiscalía interveu de oficio e sinalan que o Vieitez expón ao concello a unha sanción debido á vulneración dos dereitos en materia de inclusión e conciliación
Dende o BNG de Meaño lamentan a falta de compromiso de Viéitez coas necesidades básicas d@s meañeses. Afirman que os gobernos municipais son os máis próximos á veciñanza e deben ser os que loiten ao seu carón para proporcionarlle os recursos necesarios e cubrir as súas necesidades, tamén en materia de inclusión.
O goberno de Viéitez estableceu unha cláusula ilegal nas bases do Ludoconcilia Meaño no Verán Somos iguais: corresponsabilidade, excluíndo aos rapaces cunha discapacidade maior do 60%. En consecuencia o neno Anxo, quen participou en edicións anteriores, foi excluído. Dende o BNG rexeitan esta decisión deliberada e lamentan a desconsideración que a alcaldía amosou ante as peticións de rectificación realizadas pola familia.
O BNG denuncia que as bases aprobadas vulneran gravemente os dereitos en materia de inclusión e atención á diversidade ao mesmo tempo que impide a conciliación familiar e laboral das familias – obxecto principal da convocatoria do Ludoconcilia de verán.
Apuntan que a falta de compromiso de Viéitez cos servizos básicos se evidencia unha vez máis. O investimento que o concello realiza é insignificante e revela as prioridades do executivo – que non para de aumentar o gasto en festas. Das arcas municipais tan só se achegan 5.500€ (un 18% do custo total do programa). As familias aportan 7.500€ (24%) a través do pagamento da taxa de inscrición e a Xunta de Galiza aporta 18.000€ (58%) a través da subvención Corresponsables 2026 – que á súa vez recibe diñeiro do Ministerio de Igualdade.
Ao tratarse dunha competencia impropia dos concellos é natural que a maior inversión veña dada polos organismos superiores, mais lamentan a escaseza de recursos que o rexedor municipal destina a un servizo tan esencial coma este ao mesmo tempo que tampouco solicita maior orzamento á Xunta – gobernada polo seu mesmo partido. A isto súmase que no prego de condicións non pediu persoal con formación en atención á diversidade cando no programa están a participar 5 nenos con necesidades especiais e que soamente hai 7 monitoras para un total de 80 usuarios.
Denuncian que ao non axustarse as bases á lexislación vixente o concello teña que devolver total ou parcialmente a subvención do Plan Corresponsables e afirman que Viéitez expón -unha vez máis- ao concello a unha sanción maior debido a que a Fiscalía de Protección de Persoas Maiores e con Discapacidade en Galicia se está a interesar neste caso.
O grupo municipal do BNG levará este asunto ao vindeiro pleno e esixirá ao Alcalde que dea explicacións públicas, aclare en que punto se atopa a investigación da Fiscalía e se comprometa a non establecer ningún límite por discapacidade nas actividades municipais vindeiras.

