Marga Caldas critica que o alcalde excluíu o novo ambulatorio da Graña das prioridades do goberno local na reunión mantida con Rueda
O BNG de Poio amosou hoxe a súa indignación despois de que o alcalde Ángel Moldes volvese deixar fóra das súas peticións á Xunta unha das necesidades que as nacionalistas consideran máis importantes para a veciñanza: a construción do novo centro de saúde. A voceira municipal Marga Caldas advirte que é especialmente significativo que o futuro ambulatorio da Graña nin sequera fose mencionado como unha prioridade na reunión mantida onte polo rexedor con Alfonso Rueda.
“Un alcalde ten que defender diante da Xunta as necesidades da súa veciñanza, e a saúde debería estar entre as primeiras. Se Moldes non leva o novo centro de saúde na súa axenda cando ten a oportunidade de falar directamente con quen debe impulsalo está a esquecer unha reivindicación fundamental”, sinala Caldas. “Falamos de mellorar a atención sanitaria e de dotar o municipio dunha infraestrutura que responde a unha necesidade evidente e, con todo, Moldes non lle dedica nin unha soa palabra tras o encontro institucional”, denuncia.
Caldas lembra que o Concello de Poio ten á súa disposición os terreos da antiga canteira da Graña, unha localización que permitiría desenvolver o novo centro de saúde e, ao mesmo tempo, crear un novo núcleo de centralidade con máis equipamentos e novas infraestruturas. “Temos os terreos da Graña e temos unha oportunidade para facer unha actuación moito máis ambiciosa, pero o goberno de Moldes leva tempo rexeitando esta opción sen poñer ningunha alternativa sobre a mesa. E o máis grave é que tampouco fai os trámites necesarios para avanzar. Levamos moito tempo perdido”, explica.
A nacionalista advirte de que este último “esquecemento” de Moldes pode condenar o municipio a agardar demasiado tempo por un novo centro de saúde que necesita xa agora. “Cando o alcalde non reclama unha actuación e tampouco fai os deberes que lle corresponden, o resultado é que o proxecto queda no caixón. Estamos ante un auténtico esquecemento programado de Moldes simplemente por non sacar á palestra un investimento que a Xunta non quere facer en Poio. Moldes non quere poñer sobre a mesa unha reclamación que resulta incómoda ao seu partido e os damnificados e damnificadas somos as veciñas de Poio”, denuncia.
A portavoz do BNG lembra que desde 2023 Moldes “non fixo nin un só trámite” para desenvolver o Plan Especial necesario nin xestionou coa Axencia Galega de Infraestruturas as conexións viarias coa PO-308. Caldas considera que deixar a actuación da Graña parada é un erro estratéxico, xa que o novo centro de saúde debería ser unha peza central para ordenar este ámbito e crear un novo espazo de centralidade en Poio, acompañado doutros equipamentos e da mellora das conexións de Campelo. “Non podemos deixar pasar esta oportunidade”, sinala.
A nacionalista acusa o goberno local de “deixazón” por non desenvolver o Plan Especial e deixar que os terreos se degraden e se convertan nun vertedoiro. “É difícil entender que se rexeite esta localización sen ofrecer unha alternativa e, ao mesmo tempo, non se avance en ningunha outra solución. O PP de Poio quitou a careta de todo: non quere o centro de saúde, non lle preocupa a saúde da veciñanza. Estamos a deixar pasar anos valiosos”, sinala Caldas.

