O BNG de Poio esixe ao goberno de Moldes que obrigue a Valoriza a actualizar co IPC os salarios do persoal

Redacción

 Marga Caldas denuncia que o Concello aproba cada ano a revisión de prezos do contrato mentres permite que a concesionaria non traslade esa actualización ás nóminas

O BNG de Poio reclamou no Pleno ordinario deste mes que o goberno local esixa a Valoriza, concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos, que cumpra coas súas obrigas laborais e actualice as nóminas do persoal conforme ao IPC do mesmo xeito que o Concello aproba puntualmente a revisión anual dos prezos do contrato. A demanda foi formulada pola voceira nacionalista, Marga Caldas, durante o debate da revisión económica da concesión coa intención de garantir a tranquilidade das traballadoras e traballadores.

Como fai cada ano o Concello, o Pleno aprobou a actualización da contía que a administración local abonará á empresa polo traballo realizado, neste caso entre xuño de 2025 e maio de 2026, que ascende a 1.036.424 euros, de acordo coa fórmula de revisión prevista nos pregos. Durante o punto, o BNG presentou unha alegación para deixar claro que esa actualización económica debe ter o seu reflexo tamén nas condicións laborais do persoal.

“Se o Concello cumpre en tempo e forma coa revisión anual dos prezos e garante que Valoriza perciba máis cartos pola prestación do servizo, tamén debe esixir que a empresa cumpra cos seus traballadores e traballadoras e lles aplique a actualización salarial que lles corresponde”, defende Caldas. A nacionalista lembra que o persoal protagonizou unha folga durante as festas de San Xoán para reclamar melloras laborais, un conflito que foi finalmente desconvocado tras abrirse un proceso de negociación.

Para o BNG, esa situación evidenciou problemas que o goberno municipal non pode seguir ignorando. “O Concello non pode mirar para outro lado. Non chega con pagar puntualmente á concesionaria; tamén ten a obriga de garantir que a empresa cumpre o contrato en todos os seus aspectos, incluídos os compromisos laborais co persoal”, afirma a portavoz. 

O Bloque considera que hai unha falta de control permanente do executivo de Ángel Moldes respecto da concesionaria e que o conflito laboral era “a punta do iceberg” dun problema moito máis amplo. Por iso reclamou unha auditoría ou informe independente para comprobar se Valoriza está a cumprir todas as obrigas asumidas no contrato, tanto no referente á calidade do servizo como ao respecto dos dereitos das persoas traballadoras.

Segundo Marga Caldas, resulta “incomprensible” que o goberno local actúe con dilixencia á hora de aprobar as revisións económicas que benefician á empresa mais, pola contra, non exerza a mesma firmeza para defender os dereitos das veciñas e veciños de Poio ante o desleixo e suciedade no municipio nin tampouco para co persoal. “O PP ten que decidir de que lado está. Se esixe que o Concello cumpra co contrato, tamén debe esixir que Valoriza cumpra coas veciñas e veciños e cos seus traballadores e traballadoras. Non pode haber unha dobre vara de medir”, concluíu.

Comparte este artigo