O BNG de Sanxenxo lamenta que Telmo Martín dilapide o remanente de tesourería sen ter en conta as necesidades do rural

Redacción
Lectura mínima de 5

Os nacionalistas reprochan que o PP destine máis de 5 millóns de euros a unha nova infraestrutura en pleno centro de Sanxenxo deixando, unha vez máis, “ao resto de parroquias en situación de abandono”

Octavio González advirte de que a día de hoxe aínda se descoñecen os custos totais do futuro edificio do Mercado, a nova ocorrencia da política de formigón de Telmo Martín

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo deixou patente o seu malestar no Pleno extraordinario celebrado este venres polo trato discriminatorio que o Partido Popular e Telmo Martín lle dan ás parroquias do rural.

Durante a sesión aprobáronse varias modificacións de crédito, cun valor total que supera os 7 millóns de euros, sen que ningunha desas actuacións vaia destinada a cubrir necesidades e carencias básicas que a día de hoxe aínda padecen un gran número de veciños e veciñas que non residen nos núcleos urbanos principais.

Un exemplo desta política de cemento e formigón que tan ben retrata ao señor Telmo Martín é o feito de destinar máis de 5 millóns de euros do Remanente de Tesourería ao faraónico edificio do futuro Mercado Municipal. Unha infraestrutura que, lonxe de dar resposta a necesidades, xerará máis problemas, tal e como augurou o voceiro do Bloque, Octavio González. “A día de hoxe aínda non sabemos canto vai ser o custo total dun edificio de cinco plantas de aceiro e cristal que non se adapta á contorna”, advertiu o edil nacionalista, que lamentou que o alcalde perdese unha nova oportunidade de escoitar á veciñanza. O BNG teme que esta obra faraónica non resolva os problemas que xa presentaba o anterior Mercado de Abastos, especialmente no que se refire a emprazamento, déficit de prazas de estacionamento e facilidades para acceder en pleno verán. “O Goberno local non aclara de onde van saír esas supostas 40 prazas de estacionamento, nin tampouco explica as razóns polas que se descartou buscar un emprazamento máis accesible para o Mercado, algo do que os e as profesionais do sector xa se queixaron hai anos”, apuntou Octavio González, que ten claro que proxectos coma este consolidan a Telmo Martín como “o señor do Monopoly”. O BNG lembra que o Goberno do Partido Popular está a dilapidar recursos, por valor de millóns de euros, en obras de formigón e cemento que non son prioritarias, mentres deixa de lado cuestións tan graves como garantir o correcto funcionamento de servizos básicos, mantemento e accesos no rural. “O ‘buraco’ que abriron na avenida de Madrid para que pasen coches non solucionou os problemas de tráfico que hai nesta zona, nin o colapso que se produce cada verán. O único que está garantido son as dificultades que terá a xente para facer uso do futuro edificio, pola falta de estacionamento e pola imposibilidade de circular polo centro”, incidiu González.

O voceiro do BNG instou ao alcalde a que aclare as razóns polas que segue sen destinar actuacións e calado ao rural. “Hai que priorizar e atender as necesidades máis básicas. Botamos en falta propostas do Partido Popular á hora de humanizar núcleos do rural ou mellorar as conexión para facilitar a mobilidade dos veciños e veciñas destas parroquias”, indicou o concelleiro do Bloque, que tamén lamenta as “idas e voltas” que deu o alcalde para intentar explicar o financiamento do proxecto do Mercado. “Non foi quen de aclarar por que non se destinan máis fondos doutras administracións, en vez de botar man dos cartos dos veciños e veciñas, a través do Remanente”, denunciou.

Por outra banda, no Pleno tamén se aprobou destinar fondos para impulsar un proxecto de recuperación do litoral na contorna da Fianteira, en Vilalonga. Neste punto, o BNG votou a favor, ao tempo que solicitou que se aproveite a actuación para recuperar e poñer en valor o pantalán da Arnosa, cuxo deterioro pon en risco aos mariñeiros que fan uso das instalacións.

Comparte este artigo