O BNG de Sanxenxo organiza un roteiro polas Lagoas de Arnosa en memoria de Celso Bugallo

Redacción

A actividade, aberta a todos os públicos, terá lugar o vindeiro domingo, 10 de maio, con saída ás 10.00 da mañá do aparcadoiro das Cachadas

O Bloque explica que esta proposta ten coma obxectivo promocionar e dar visibilidade a un dos grandes atractivos paisaxísticos de Vilalonga, ao tempo que se rende unha homenaxe póstuma ao actor, natural da parroquia, que “sempre presumiu con orgullo das súas raíces”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) informa de que o vindeiro domingo, día 10 de maio, terá lugar o un roteiro que servirá para render unha merecida homenaxe, a título póstumo, ao actor Celso Bugallo, natural da parroquia de Vilalonga e finado o pasado mes de decembro. Trátase dunha andaina que percorrerá varios puntos da contorna das lagoas da Arnosa, unha das zonas máis emblemáticas e importantes desde o punto de vista paisaxístico e medioambiental do concello. “Será unha viaxe pola escena, a vida e a terra”, explican os nacionalistas, que establecen como punto de encontro a zona de aparcadoiro das Cachadas, onde se celebra cada mes de xullo a Festa do Carme, ás 10.00 horas.

Desde o Bloque animan á veciñanza a tomar parte nunha proposta que non presenta dificultade e que está aberta a persoas de todas as idades. Este acto enmárcase dentro das iniciativas que o BNG impulsa para conmemorar o Día das Letras Galegas, ao tempo que servirá tamén para difundir e recoñecer a trascendencia da figura de Celso Bugallo, “un dos máis grandes referentes do país no ámbito da cultura, da interpretación e do sector audiovisual”. O percorrido transcorrerá pola contorna das lagoas e incluirá sesións de lectura dramática ao aire libre. A actividade conta coa colaboración da Asociación Cultural Andarela e o gaiteiro Toño Fernández Agraso. O BNG confía en que esta andaina se consolide como unha xornada de convivencia, na que se poida poñer en valor “un dos espazos máis fermosos de Sanxenxo, que, en moitos casos, apenas é coñecido pola falta de iniciativas por parte do Concello á hora de promocionalo”. Ao mesmo tempo, tamén se rende homenaxe “a un dos mellores embaixadores que tivo a parroquia de Vilalonga”. Celso Bugallo naceu no lugar de Lagarei en 1947 e “sempre presumiu con orgullo das súas raíces”. A sua implicación e o agarimo que sentía pola súa vila natal quedou demostrado en varias ocasións, como nas charlas nas que participou no IES de Vilalonga ou ao integrarse na lista electoral do BNG antes das municipais de 2019.

Cómpre lembrar que o Bloque xa promoveu outras iniciativas que servisen para perpetuar o legado e a memoria de Celso Bugallo, gañador do Premio Goya ao mellor actor secundario polo seu inesquecible papel no filme de Alejandro Amenábar ‘Mar Adentro’, no que interpretaba ao irmán do protagonista, Ramón Sampredro, interpretado por Javier Bardem. O grupo nacionalista levou a principios de ano unha moción ao Pleno para propoñer que o futuro Centro Social de Vilalonga, onde se atopaba o antigo colexio O Cruceiro, levase o nome de Celso Bugallo, medida que foi rexeitada polo Partido Popular e o alcalde, Telmo Martín.

Comparte este artigo