As Casas de Cultura de Nantes (martes 13, 20.30 horas) e de Bordóns (mércores 14, á mesma hora) abren a quenda de convocatorias, que se prolongará ata o luns 26 de outubro por todo o municipio
O Bloque lembra a boa acollida que tiveron estas reunións durante o mandato, que serviron para forzar ao Goberno local a acometer melloras, especialmente no rural, que levaban anos esquecidas. En tdoo caso, os nacionalistas advirten de que “aínda queda moito por facer, debido á nefasta xestión do Partido Popular e de Telmo Martín”
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo (BNG) iniciará a vindeira semana unha nova rolda de reunións informativas nas parroquias do municipio.
Ao igual que nas exitosas convocatorias anteriores, o obxectivo destas citas non é outro que tomar nota das inquedanzas, suxestións e peticións da veciñanza de Sanxenxo, facendo especial fincapé no rural.
Estes encontros darán comezo o martes 13, na Casa Cultural de Nantes, a partires das 20.30 horas. O mércores 14 será a segunda cita, á mesma hora, na Casa de Cultura de Bordóns.
As reunións prolongaranse ata o luns 26, cunha última reunión na parroquia de Noalla. Xa están confirmados, asemade, encontros en Portonovo (luns 19, ás 21.00 horas), Sanxenxo (Pazo Emilia Pardo Bazán, mércores 21 ás 20.30 horas), Vilalonga (Centro cultural, ás 20.30 horas),na Casa do Priorato de Arra, o sábado 24 de outubro ás 10.30 horas, e na Casa de Cultura de Dorrón (domingo 25, 10.30 horas) A organización non descarta convocar máis encontros deste tipo en vindeiras datas.
Tal e como apuntan os responsables do Bloque, estas reunións tamén se convocan a petición de moitos veciños e veciñas, que ven como o mandato actual está a piques de realizar sen que moitas actuacións históricas e antigas demandas sexan tidas en conta por parte do Goberno municipal do Partido Popular.
Os nacionalistas recalcan a boa acollida que tiveron as reunións organizadas no presente mandato e teñen claro que axudan a potenciar e consolidar unha canle de comunicación directa coa veciñanza. Os e as responsables do BNG de Sanxenxo comprométense a seguir efectuando o seu labor de fiscalización e a traballar para que, dentro das súas posibilidades, se consiga que o Concello faga caso das demandas dos veciños e veciñas da vila, ben sexa a través da presentación de mocións como por outras vías. Neste senso, desde o Bloque destacan que foron varias as actuacións que o Goberno de Telmo Martín se viu na obriga de acometer, a raíz das queixas veciñais trasladadas polo BNG. Algúns exemplos son a mellora de diferentes pistas municipais ou o incremento de prazas do servizo de ludotecas (realizado despois da denuncia pública feita polos nacionalistas).
En todo caso, no BNG teñen claro que “aínda queda moito por facer”, especialmente no rural. “Máis alá de políticas de formigón e cemento, a xestión de Telmo Martín é moi deficitaria e iso o están a pagar milleiros de veciños e veciñas que non residen nos núcleos principais, con servizos deficitarios (como o da recollida do lixo), falta de investimentos e infraestruturas en mal estado”, conclúen os nacionalistas, que teñen claro que esta situación “mudará de xeito drástico” cando o Partido Popular deixe de gobernar en Sanxenxo.

