O BNG de Vigo critica que o “sectarismo” de PSOE e PP impida despregar unha verdadeira política social

Redacción

A moción da fronte nacionalista con 21 medidas para a atención do senfogarismo e a pobreza non puido ser aprobada na súa totalidade

Afea que o grupo municipal socialista rexeitara no Pleno só as medidas da moción nacionalista relativas ao Concello, e que os populares “se puxeran de perfil” coas que afectan á Xunta de Galiza

Xabier P. Igrexas: “Non se pode solucionar un problema que se nega nin se vai resolver sinalando a palla no ollo alleo” 

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusa de “sectarismo” a PSOE e PP coa atención da pobreza e do senfogarismo en Vigo. A fronte nacionalista afea que os grupos municipais socialistas e populares rexeitaran no Pleno as medidas da moción nacionalista que afectan a Concello e Xunta de Galiza, onde gobernan respectivamente, en lugar de cooperar e destinar máis recursos ante a exclusión social.

Unha votación que para o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, retrata a falla de vontade de ambas forzas por ofrecer solucións ás persoas sen fogar e empobrecidas de Vigo. “Vemos como Concello e Xunta, PSOE e PP, foxen da súa responsabilidade e buscan pasala á outra administración como unha pataca quente”, reprochou sobre o debate plenario.

Denunciou nese sentido que o grupo municipal socialista se limitase a defender a acción do Goberno de Caballero, votando en contra das dez medidas propostas relativas ao Concello mais aprobando as vinculadas á Xunta. Do mesmo xeito, criticou que os populares “se puxeran de perfil” e actuasen como “comisarios de propaganda” do Goberno de Rueda, votando a favor só de demandar actuacións a nivel municipal.

“Non se pode solucionar un problema que se nega nin se vai resolver sinalando a palla no ollo alleo”, afirmou o portavoz do Bloque, afeando que nas intervencións dos voceiros de ambos grupos non se debatese sobre ningunha medida concreta das 21 propostas pola fronte nacionalista. Como evidencia, citou o rexeitamento de PSOE e PP á única actuación conxunta da moción: poñer en marcha un Comité de Emerxencia Social para coordinar un Plan de Acción Urxente para a atención da pobreza e a exclusión.

Igrexas asegurou que, se ambas administracións están cumprindo coas súas competencias, os resultados evidencian a necesidade de “facermos máis”. Lembrou a ese respecto que en Vigo hai arredor de 200 persoas sen fogar e máis de 60.000 veciñas e veciños en risco de pobreza ou exclusión social, segundo o índice Arope.

Humanizar Vigo

Dende o BNG defenderon que as 21 medidas incluídas na moción son “esencias” para superar o actual modelo de política social, que tachan de “asistencialista e insuficiente”, para avanzar cara a un modelo de integración. “Humanizar Vigo non é enfeitar as rúas, senón garantir algo tan básico como que non haxa persoas condenadas a malvivir e malmorrer nelas”, resumiu o portavoz municipal nacionalista.

Os acordos aprobados da iniciativa nacionalista instan a Xunta á creación de vivenda social de emerxencia, a financiar novos recursos residenciais, a activar en Vigo os programas contra o chabolismo e a infravivenda, reformar a lei de Inclusión, e reforzar os servizos sociais comunitarios e as medidas de apoio ás situacións de vulnerabilidade.

As medidas rexeitadas pola maioría do grupo municipal do PSOE demandaban reforzar os servizos sociais do Concello e ampliar o albergue municipal, garantir alternativas habitacionais cando non haxa prazas, mellorar a atención de rúa, incrementar e redefinir as axudas municipais, avanzar cara a unha renda social municipal e impulsar un programa estábel de alimentos.

Comparte este artigo