O BNG de Vigo denuncia a falla de solucións do novo PXOM ao problema da vivenda: “Só favorece proxectos especulativos”

Redacción

A fronte nacionalista pide un debate para valorar o desenvolvemento do Plan Xeral, após un ano da súa entrada en vigor no que os prezos da vivenda continuaron aumentando

Xabier P. Igrexas: “O novo PXOM está a empurrar os intereses dos que fan da vivenda unha mercadoría moi lucrativa en lugar de garantir o acceso para a maioría social”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a falla de solucións ao “gravísimo problema” de acceso á vivenda co novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. Após un ano da entrada en vigor do documento urbanístico, a fronte nacionalista pide someter a debate unha valoración do seu desenvolvemento diante dun contexto no que os prezos da vivenda seguen aumentando.

Así o reclamou este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, no Consello da Xerencia de Urbanismo, onde criticou que o novo Plan Xeral se presentase polo alcalde, Abel Caballero, como a solución para o principal problema social na cidade. “O único que ten avanzado neste primeiro ano son proxectos claramente especulativos como a nova urbanización VIP que se quere construír na praza dos Cabalos”, advertiu.

Igrexas lembrou as promesas do rexedor sobre o efecto do novo PXOM na vivenda: en 2021 afirmou que era “un gran plan para vivir na cidade”, en 2022 que “a vivenda é o eixo central do novo PXOM”, en 2023 que ía “proporcionar pisos a prezos razóabeis aos vigueses e viguesas” e en 2025 que “daría resposta” ás máis de 5.000 demandantes de vivenda protexida que, neste tempo, se duplicaron.

Porén, o problema da vivenda en Vigo é moito maior do que hai un ano, segundo recoñeceu o propio Caballero. Os prezos dos alugueiros están por riba dos 950 euros mensuais en 6 de cada 10 vivendas libres, a oferta cada vez é máis escasa con apenas 325 inmóbeis dispoñíbeis e a “ameaza ultraespeculativa” dos pisos turísticos e alugueiros de temporada continúa a avanzar na cidade.

Un contexto que, alertou Igrexas, é aínda “máis preocupante e inaccesíbel para a maioría social” no relativo á compra-venda. O prezo medio da vivenda nova incrementouse en Vigo na última década un 72%, e só no último ano subiron un 8,5%, nunha escalada que vai camiño de superar a da burbulla inmobiliaria do 2008.

Parque público de vivenda protexida e social

Para o BNG é claro que o novo PXOM “non está a servir para garantir o acceso á vivenda ás viguesas e aos vigueses senón que empurra os intereses dos que fan dela unha mercadoría moi lucrativa”. Uns resultados que evidencian que o planeamento, aprobado só co voto do PSOE, foi elaborado “de costas á veciñanza, na escuridade dos despachos e ao servizo dos poderosos intereses dos de sempre”, como alertara a fronte nacionalista.

O portavoz municipal do Bloque insistiu na “necesidade dun cambio de orientación” da política urbanística para avanzar cara a unha política que dote Vigo dun parque público de vivenda protexida e social. “Permitir só a edificación non vai resolver este grave problema para a maioría, o que se precisa é pasar das promesas e os grandes titulares aos feitos”, concluíu. 

Comparte este artigo