O BNG de Vigo esixe a reapertura inmediata da OMIC e reclama transformala nun verdadeiro servizo de defensa das persoas consumidoras

Redacción

Denuncia que a oficina municipal leva fechada desde antes do verán e propón descentralizar a atención e crear unidades específicas contra a pobreza enerxética, os abusos no alugueiro e as fraudes dixitais

Xabier P. Igrexas: “Se o mercado deixa soa a unha persoa diante dunha multinacional, dunha entidade financeira ou dunha gran compañía enerxética, o Concello non pode abandonala tamén”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixe ao Goberno municipal de Abel Caballero a reapertura inmediata e completa da Oficina Municipal de Información ás persoas Consumidoras (OMIC), que leva coas súas portas pechadas desde antes do verán sen que, segundo denuncia a fronte nacionalista, o Concello ofrecese ningunha explicación.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advirte de que pechar este servizo e derivar a veciñanza á oficina de Sanidade “non é unha solución”, senón “unha mostra máis do desleixo do Goberno municipal” e “un abandono intolerábel dos dereitos da veciñanza de Vigo”.

Igrexas sinala que a ausencia dun servizo municipal específico de defensa das persoas consumidoras resulta especialmente grave diante dos continuos abusos aos que se enfronta a cidadanía, nomeadamente por parte de grandes corporacións e multinacionais. Por iso, ademais de reclamar a súa reapertura, o BNG propón unha transformación profunda da OMIC para convertela nun verdadeiro servizo público de protección, prevención e defensa dos dereitos das persoas consumidoras.

Reforzamento

A proposta nacionalista contempla ampliar e descentralizar a atención presencial, levando o servizo tamén aos barrios e parroquias e garantindo unha atención integral e accesíbel, sen fenda dixital. O Bloque reclama igualmente a creación de unidades específicas para combater a pobreza enerxética, os abusos no mercado da vivenda e do alugueiro e as novas fraudes dixitais e financeiras, con especial atención ás persoas máis vulnerábeis.

A fronte nacionalista propón tamén poñer en marcha un programa estábel de educación no consumo, crear un Observatorio municipal dos prezos da cesta da compra e dos servizos básicos e constituír unha mesa permanente de traballo co comercio local, o Instituto Galego de Consumo e as organizacións de defensa das persoas consumidoras, co obxectivo de impulsar mecanismos de arbitraxe e mediación rápidas.

Para Igrexas, a OMIC “non pode limitar a súa actividade a ser un mero mostrador burocrático”, senón que debe “dar resposta rápida, mediar con eficacia e facer valer os dereitos da cidadanía”. Neste sentido, defende que o Concello debe asumir un papel activo como “verdadeiro escudo de protección social” diante dos abusos que sofren as persoas consumidoras.

“Se o mercado deixa soa a unha persoa diante dunha multinacional, dunha entidade financeira ou dunha gran compañía enerxética, o Concello non pode abandonala tamén”, conclúe o portavoz municipal do BNG.

Comparte este artigo