O BNG de Vigo levará ao Pleno 21 propostas para combater o senfogarismo e a pobreza

Redacción

A fronte nacionalista denuncia que accións como o desaloxo da estación de buses sen alternativas habitacionais efectivas e dignas insisten na deshumanización das persoas empobrecidas

Demandan de Xunta e Concello a mobilización de máis medios e recursos para atender a poboación máis vulnerábel e unha mellor coordinación entre administracións

Xabier P. Igrexas: “Humanizar Vigo non é enfeitar as rúas, senón garantir algo tan básico como que non haxa persoas condenadas a malvivir e malmorrer nelas”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo levará ao vindeiro Pleno municipal unha moción cunha batería de 21 propostas concretas para mellorar a atención ás persoas sen fogar e combater a pobreza e a exclusión social na cidade, reclamando un cambio radical no enfoque das políticas sociais e unha maior cooperación entre o Concello e a Xunta.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, sinalou de que Vigo ten “arredor de 200 persoas sen fogar” e máis de 60.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, fronte á imaxe de cidade sen problemas sociais que proxectan tanto o Goberno municipal de Abel Caballero como a Xunta do Partido Popular. “O senfogarismo non é un problema de seguridade ou de limpeza, é a cara máis cruel da desigualdade e da falta de vivenda. Non falamos de orde pública, falamos de xustiza social”, afirmou.

Desaloxo da estación de buses

Igrexas referiuse expresamente ao recente desaloxo da estación de buses, realizado no día de onte cun dispositivo da Policía Nacional e sen garantir alternativas habitacionais efectivas e dignas para as persoas que alí pernoctaban.

Para o portavoz nacionalista, esta actuación “insiste na deshumanización das persoas empobrecidas” e non constitúe un feito illado, senón que se suma a anteriores desaloxos, como o da antiga fábrica de Pescanova na rúa Jacinto Benavente, e á situación de degradación da antiga terminal de buses da avenida de Madrid.

Cambio de modelo

O BNG considera necesario superar un modelo de atención “asistencialista, fragmentario e insuficiente” e avanzar cara a unha política social que actúe sobre as causas estruturais da pobreza e garanta autonomía, inclusión e dereitos. Para iso, a fronte nacionalista reclama máis recursos e medios, así como unha cooperación efectiva entre as distintas administracións.

A moción do BNG propón 21 medidas concretas para dar unha resposta integral á pobreza, ao senfogarismo e á exclusión social na cidade. Entre as propostas figura crear un Comité de Emerxencia Social para coordinar a actuación de Xunta e Concello que contecun Plan de Acción Urxente, reforzar os servizos sociais do Concello e ampliar o albergue municipal, garantir alternativas habitacionais cando non haxa prazas e mellorar a atención de rúa. Tamén se reclama incrementar e redefinir as axudas municipais, recuperar as AEFAS, avanzar cara a unha renda social municipal e impulsar un programa estábel de alimentos.

Á Xunta pídeselle crear vivenda social de emerxencia, financiar novos recursos residenciais, activar en Vigo os programas contra o chabolismo e a infravivenda e reformar a lei de Inclusión. Completa o paquete a demanda ao executivo galego de reforzo dos servizos sociais comunitarios e das medidas de apoio ás persoas e fogares en situación de vulnerabilidade.

“Concello e Xunta teñen que deixar de pasarse a responsabilidade como unha pataca quente e sentar a cooperar para dar respostas”, esixiu Igrexas.

O portavoz municipal do BNG ironizou con que as políticas sociais “non lucen” e que sacar unha persoa da pobreza “non se pode inaugurar”, nin axudala en cuestións básicas como a alimentación “non se presta a primeiras pedras”, pero defendeu que esa debe ser precisamente a prioridade das administracións públicas.

‘Humanizar’ de verdade

O BNG defende que a resposta ao senfogarismo non pode consistir en “expulsar as persoas das rúas, desaloxándoas sen alternativas ou converténdoas nun problema que hai que ocultar”, senón en garantir dereitos, dignidade e oportunidades.

“A cidade é moito máis que un espazo ou un territorio: é unha comunidade humana. E non hai nada máis importante que utilizar os inmensos recursos e capacidades das administracións para lograr que ninguén quede atrás”, afirmou.

A moción que o BNG defenderá no vindeiro Pleno recolle 21 medidas dirixidas tanto ao Concello como á Xunta, coa finalidade de reforzar a atención ás persoas sen fogar, mellorar as alternativas habitacionais e avanzar nunha resposta integral fronte á pobreza e á exclusión social. “Fronte á aporofobia, nos discursos ou nos feitos, o BNG defende humanidade, solidariedade e xustiza social. Vigo non precisa máis invisibilización da pobreza: precisa políticas públicas para combatela”, enfatizou Igrexas.

“Humanizar Vigo non é enfeitar as rúas, senón garantir algo tan básico como que non haxa persoas condenadas a malvivir e malmorrer nelas”, resumiu o portavoz municipal nacionalista.

Comparte este artigo