A fronte nacionalista propón recuperar as frecuencias recortadas no bus, un novo mapa de liñas cunha liña Cero entre Navia e Teis, dous transbordos gratuítos por hora, o abaratamento das tarifas e avanzar cara á remunicipalización do transporte urbano
Alertan das consecuencias do “uso obrigatorio do coche por falla de alternativas” en forma de contaminación, ruído, inseguridade e privatización do espazo público
Xabier P. Igrexas: “Fronte a un alcalde resignado a que os coches sigan a engulir o futuro de Vigo, o BNG defendemos unha cidade para vivir e non apenas para transitar”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclama un cambio radical no modelo de mobilidade da cidade para reducir a dependencia do vehículo privado e recuperar espazo público para as persoas. No marco do Día Europeo da Mobilidade e do Día Mundial Sen Coches, o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, advertiu de que Vigo continúa a estar “deseñada para os coches” e defendeu unha política baseada no transporte público, a mobilidade activa e a intermodalidade.
Igrexas salientou que Vigo conta con máis de 214.000 vehículos, aos que se suman arredor de 100.000 que entran diariamente desde fóra da cidade, mentres o transporte público representa apenas o 20% da mobilidade e o bus urbano perdeu 1,3 millóns de viaxeiros desde 2019.
O portavoz municipal do BNG alertou das consecuencias deste modelo sobre a calidade de vida e a saúde: entre 600.000 e 750.000 toneladas anuais de CO₂, niveis de calidade do aire por baixo das recomendacións da OMS, exceso de ruído para 7 de cada 10 viguesas e vigueses, 56 horas anuais perdidas en atascos, máis de 2.000 accidentes e arredor de 200 atropelos cada ano.
“Esta cidade precisa unha política de mobilidade radicalmente distinta á do desgoberno de Abel Caballero”, afirmou Igrexas. “Vigo ten que deixar de ser unha cidade de coches para recuperar espazo para as persoas”, engadiu.
Máis bus e alternativas reais ao coche
“Fronte a un alcalde resignado a que os coches sigan a engulir o futuro da cidade, o BNG aposta por cambiar de modelo”, defendeu Igrexas. A alternativa do Bloque pasa, en primeiro lugar, por mellorar o transporte público. A fronte nacionalista propón recuperar as máis de 250 frecuencias recortadas desde a pandemia, crear unha gran liña Cero entre Navia e Teis e aprobar un novo mapa de liñas que conecte barrios e parroquias, con frecuencias de 20 minutos nos días laborábeis.
O BNG reclama tamén mellores conexións cos hospitais, a Universidade, os polígonos, o aeroporto e as estacións, reforzar o servizo nocturno, reducir o prezo do billete, ampliar as bonificacións e introducir dous transbordos gratuítos por hora. A estas medidas engade carrís bus-taxi e prioridade semafórica, así como avanzar cara á remunicipalización do bus urbano fronte a un novo contrato privatizado que ameaza con “volver hipotecar a cidade cun servizo claramente insuficiente”.
En paralelo, Igrexas defende alternativas reais ao vehículo privado, con aparcadoiros disuasorios, máis espazo peonil e impulso da bicicleta e dos vehículos de mobilidade persoal, así como iniciativas como o metrominuto e o biciminuto que xa funcionan con éxito noutras cidades.
Intermodalidade e ferrocarril
O terceiro eixo da proposta nacionalista é a intermodalidade, conectando tren, bus, estación marítima e aeroporto. Neste ámbito, o BNG reclama tamén ao Goberno español o cumprimento do acordo de investidura co BNG para avanzar na implantación das cercanías ferroviarias en Vigo nesta lexislatura e acometer melloras urxentes nos actuais servizos de media distancia.
“Cambiar a mobilidade non é simplemente cambiar como nos desprazamos. É decidir que cidade queremos ser”, sinala Igrexas. “Hai que escoller entre unha cidade na que o coche ocupa todo o espazo, ou unha cidade na que o espazo público volve estar ao servizo das persoas”.
O portavoz municipal do BNG sintetizou a proposta nacionalista como un modelo de “Novo Vigo: unha cidade máis habitábel, máis verde e máis segura”. “Unha cidade para vivir, e non apenas para circular”, concluíu.

