O BNG de Vigo rexeita os “currais para cans” de Caballero e pide suspender a licitación en Barreiro

Redacción

O portavoz municipal do Bloque mantivo un encontro coa plataforma de familias contrarias ao proxecto de parque canino en Barreiro, o primeiro dos nove anunciados polo alcalde

Critica a falla de diálogo coa veciñanza e que non se conte con voces expertas no deseño

Xabier P. Igrexas: “Fronte á segregación que quere impoñer o alcalde, o BNG cremos que se debe apostar por un modelo de convivencia e integrado de zonas verdes”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita o modelo dos nove parques caninos do Goberno de Abel Caballero. A fronte nacionalista tacha de “currais para cans” os espazos anunciados polo alcalde de Vigo e avanza a presentación dun recurso de reposición para solicitar que se desista da licitación do primeiro dos proxectos previsto en Barreiro.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro coa plataforma de familias que se opoñen ao parque canino na parroquia de Lavadores, cun custo estimado de 169.000 euros, para escoitar as súas demandas. “O proxecto que quere impoñer Caballero vai crear un problema onde non o había”, advertiu, poñendo como exemplo este espazo onde conviven persoas que pasean ou corren xunto con familias e cans.

Igrexas considerou “obsoleto” o modelo de “micro parques caninos” deseñado polo Goberno local que “insiste no mesmo erro” que xa cometeu en 2018 coa decisión de limitar a praia da Calzoa como único areal autorizado para o esparexemento de cans. “Fronte á segregación que defende o alcalde, o Bloque cremos que se debe apostar por un modelo de convivencia e integrado de zonas verdes”, defendeu.

Criticou a ese respecto que o Goberno municipal “goberne a golpe de ocorrencia” sen manter un diálogo real coa veciñanza, cualificando de “enquisa fake” o proceso de consulta realizado e que se ignoren as peticións realizadas polas persoas afectadas. Censurou tamén que no deseño destes espazos non se teña contado con voces expertas a nivel técnico como especialistas veterinarios e da etoloxía.

“Estamos a tempo de evitar que a improvisación e o afán por ofrecer grandes titulares e organizar moitas inauguracións nos leve a dilapidar centos de miles de euros nun modelo equivocado”, afirmou Igrexas.

Estudar alternativas

Dende a fronte nacionalista chamaron a estudar alternativas como espazos abertos con perímetros naturais que delimiten os usos sen xerar illamento nin tensión territorial, a combinación de faixas horarias, xunto con itinerarios e sinalización pedagóxica para mellorar a saúde e o benestar animal coa protección da biodiversidade.

“Desta maneira transformaríamos os parques en contornas amábeis e sustentábeis, baseadas na corresponsabilidade cidadá, garantindo o gozo seguro e equilibrado do espazo público para toda a veciñanza permitindo diferentes usos”, afirmou o portavoz municipal do BNG. “A solución para os máis de 48.000 cans censados na cidade non é expulsalos nin encerralos en parques caninos”, salientou.

O portavoz do Bloque cuestionou o modelo do Goberno municipal en base á evidencia científica, que sinala os riscos dos recintos caninos pechados e de escaso espazo como os proxectados. Así, desde a etoloxía veterinaria alertan de como a alta densidade e a proximidade forzada provoca un efecto coñecido como ‘ola de presión’, que xera estrés e conductas reactivas nos animais.

Sinalou tamén como a nivel urbanístico e ambiental este modelo crea “guetos” nos parques públicos que degradan o propio espazo, reducen a biodiversidade e facilitan a transmisión de parásitos e virus pola hiperconcentración en recintos reducidos.

Comparte este artigo