O BNG defenderá no Pleno de Vigo a esixencia dunha AP-9 galega, pública e gratuíta

Redacción

Traslada unha moción fronte ás “mentiras” do PP sobre a transferencia da autoestrada a Galiza e para reclamar que o Goberno central anule a prórroga ilegal da concesión

Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode seguir pagando peaxes inxustas”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vai defender no vindeiro Pleno municipal de Vigo unha moción para reclamar unha AP-9 galega, pública e totalmente gratuíta. A iniciativa nacionalista busca desmontar as “mentiras” do PP sobre a transferencia da autoestrada a Galiza e tamén reclamar que o Goberno central anule a prórroga ilegal da concesión para liberala de peaxes.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que o Goberno galego pretenda “boicotear e obstaculizar” este momento histórico coa recente aprobación da lei de transferencia da titularidade e da xestión desta infraestrutura fundamental. Un logro que, afirmou, é “froito da perseveranza política e a acción coherente do BNG” tras anos de vetos dos sucesivos gobernos españois, e que contou foi rexeitado por PP e Vox.

“Cómpre dicilo con toda rotundidade: o señor Alfonso Rueda segue o guión ditado desde Madrid para tentar atrancar un traspaso de xustiza, mentres emprega artimañas e cortinas de fume para que Galiza cargue con responsabilidades alleas”, censurou Igrexas, que reclamou dos populares “rigor e lealdade cos intereses galegos”.

Dende a fronte nacionalista insistiron fronte ás “falsidades do PP” en que as consecuencias financeiras ou xurídicas das decisións adoptadas historicamente polo Estado terán que ser asumidas única e exclusivamente polo propio Goberno central, tal e como recolle “negro sobre branco” a lei de transferencia aprobada polo Congreso e recoñece un informe xurídico do Senado. “A nosa posición é ben clara: nin un só euro das galegas e galegos vai pagar os desaguisados dunha concesión que naceu podre e que foi alargada de maneira ilegal polo Goberno español”, remarcou o portavoz nacionalista.

Fin inmediata das peaxes

A moción do BNG buscará tamén o apoio do Pleno de Vigo para esixir que o Goberno central proceda de forma inmediata á revisión de oficio e á anulación da prórroga de 25 anos, outorgada polo Goberno de Aznar e que foi declarada ilegal pola Comisión Europea por vulnerar de xeito flagrante a normativa comunitaria de contratacións.

A fronte nacionalista defende a existencia desta vía como “máis rápida, directa e xusta” para poñer fin ás peaxes na AP-9 que agardar polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea. “Con esta moción queremos que o Concello interpele directamente ao Executivo estatal e reclamamos que o Goberno galego deixe de actuar como un comisionista de Audasa e apoie sen fisuras esta mesma demanda”, explicou Igrexas.

O Bloque comprometeuse a seguir defendendo “con firmeza e sen complexo” os dereitos da viguesas e vigueses fronte ao que cualifican como “inacción e intereses partidistas” de PP e PSOE. “Vigo non pode seguir pagando peaxes inxustas”, subliñou o portavoz municipal nacionalista, poñendo en valor as bonificacións logradas polo “voto decisivo” do BNG no Congreso a través do seu deputado Néstor Rego.

Comparte este artigo