Cuestiona a implantación “clandestina” dos perímetros e a falla de explicacións sobre o funcionamento das excepcións que “anticipa un verdadeiro caos e fracaso”
Reclama apostar por alternativas ao uso do coche coa mellora radical do transporte público e con medidas para fomentar a mobilidade peonil, en bicicleta e VMP
Xabier P. Igrexas: “Se Abel Caballero estivese convencido e orgulloso da súa mala copia do Madrid Central, teríanos ofrecido unha grande e vistosa inauguración”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a “chapuza” na entrada en funcionamento das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en Vigo. A fronte nacionalista critica o arranque “clandestino, con nocturnidade e aleivosía” do modelo de perímetros e multas imposto polo Goberno de Abel Caballero que cualifica de “crónica dun desastre anunciado” e de “profunda equivocación” que non vai reducir as emisións contaminantes na cidade.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, ve demostrativo da “farsa e estafa” do modelo esta forma de aplicar as ZBE, coa instalación de sinalizacións nunha noite e de colantes sobre o asfalto que, nalgúns puntos da cidade, apenas duraron unhas horas polo paso do tráfico, como na rúa María Berdiales. “Se o alcalde estivese convencido e orgulloso da súa mala copia do Madrid Central, teríanos ofrecido unha grande e vistosa inauguración, con selfies a ducias, cintas vermellas e mesmo piano de cola”, ironizou.
Multas e excepcións
Un modelo de ZBE que, aclara, vai impoñer multas de 200 euros para a maioría social que non se pode permitir comprar un novo vehículo híbrido ou eléctrico “a pesar das reiteradas falsidades de Caballero”. A xuízo do Bloque, o Goberno municipal estabeleceu un gran número de excepcións para “tentar camuflar” esta realidade, pero sen explicar a día de hoxe como se van a aplicar.
Igrexas citou algúns exemplos para ilustrar a “improvisación” sobre as exencións aos perímetros. “Os colexios van entregar xustificantes? Terás que achegar xustificante médico? Hai que gardar os tickets de aparcamento?”, cuestionou, considerando que “o principal problema é deseñar a mobilidade da maior cidade galega desde o coche oficial como Abel Caballero”.
Alternativas ao uso do coche
Dende a fronte nacionalista aseguran que o reto é dar alternativas ao uso case obrigatorio do coche particular para moverse en Vigo, en lugar de cambiar vehículos de combustión por híbridos ou eléctricos. Lembran que a cidade conta co maior parque de vehículos de toda a Península Ibérica (con 1,5 vehículos por cada 2 habitantes) e que cada día se rexistran de media 300.000 desprazamentos en coche privado, con 90.000 accesos dende os concellos limítrofes.
O portavoz municipal do Bloque insiste na necesidade de rectificar este modelo de restricións e multas apostando por unha mellora radical do transporte públicando e facilitando a mobilidade peonil e tamén o uso de bicicleta e vehículos de mobilidade persoal. Unha alternativa de mobilidade que, defende, permitiría reducir de verdade a intensidade do tráfico e os graves prexuízos que ocasiona en forma de contaminación, conxestión, ruído e sinistralidade.
Nese obxectivo, o BNG vai solicitar a convocatoria urxente dos Consellos Sectoriais de Transportes, Medio Ambiente e Accesibilidade para estudar alternativas “antes de que se confirme o fracaso” das ZBE con perímetros e esixir explicacións sobre a súa aplicación. “Para avanzarmos cara a unha cidade máis sustentábel, saúdabel e segura; un Vigo que sexa unha cidade para vivir, unha cidade para as persoas e non para os coches, teñan etiqueta ecolóxica ou non”, conclúe Igrexas.

