O candidato do BNG á Alcaldía da Estrada, Marcos Borrageros, denunciou hoxe a falta de previsión da Xunta e do concello tras a apertura do novo tramo da autovía a Santiago. As importantes retencións rexistradas na saída de Pontevea evidencian que non se planificaron adecuadamente os accesos nin o incremento de tráfico que inevitablemente ía provocar a posta en servizo desta infraestrutura.
“O que aconteceu era perfectamente previsible. De feito, xa en maio de 2023 o BNG da Estrada indicou claramente que a saída de Pontevea ía converterse nun funil con numerábeis atascos”, lembrou Borrageros. O candidato nacionalista subliñou que este problema ten como consecuencia directa que o suposto adianto no tempo de desprazamento anunciado sexa totalmente irreal, xa que calquera ganancia de tempo queda anulada precisamente polas retencións e atascos en Pontevea.
Desde o BNG denunciaron unha vez máis a “propaganda en moto” que nos vende continuamente o PP, co presidente da Xunta á cabeza e co alcalde da Estrada actuando como mero espectador ante os problemas reais da veciñanza. Para a formación nacionalista, a apertura dunha nova vía debe ir acompañada dun estudo rigoroso da mobilidade e das actuacións necesarias nos puntos máis sensibles da rede viaria, e non dun simple acto propagandístico. Non se pode inaugurar un tramo novo e trasladar o problema ao lugar no que todo o tráfico acaba confluíndo.
“As retencións producíronse, ademais, en pleno período estival. Co regreso á actividade laboral e escolar no mes de setembro, a intensidade do tráfico será previsiblemente maior, polo que a situación pode agravarse gravemente se non se adoptan medidas con rapidez”, afirmou o candidato do BNG.
Marcos Borrageros reclamou ás administracións competentes que deixen de improvisar, abandonen as fotos propagandísticas e estuden de maneira urxente solucións que melloren a fluidez e a seguridade viaria neste punto. “As infraestruturas deben planificarse como unha rede integrada e non como actuacións illadas”, sinalou.
O BNG da Estrada continuará facendo un seguimento estreito desta situación e reclamando as actuacións necesarias para evitar que os atascos se convertan nun problema habitual para a veciñanza da Estrada e para todas as persoas usuarias desta conexión viaria.

