O BNG denuncia a falta de transparencia no caso de Urbaser

Redacción

Celia García considera “moi grave” que o Concello anuncie publicamente unha decisión sustentada nos informes técnicos e xurídicos desfavorables ao proxecto de Urbaser que continúan sen ser facilitados.

O BNG de Marín denuncia a falta de transparencia do goberno municipal. A formación nacionalista lembra que xa o pasado 30 de abril rexistrara unha solicitude formal de acceso ao expediente completo e á documentación vinculada ao proxecto da empresa Urbaser ligado á parcela de Pardavila, no que se incluía unha nave loxística destinada a garaxe, taller, zona de lavado de camións e un punto limpo.

Non obstante, se ben o pasado 7 de maio a Xunta de Goberno Local fixo público o rexeitamento da licenza solicitada pola empresa adxudicataria do contrato de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), apoiándose en informes técnicos e xurídicos desfavorables, estes continúan sen ser facilitados á formación nacionalista.

Segundo a información publicada, os informes municipais consideran incompatible o proxecto co tipo de solo clasificado no PXOM, ao concluír que a actividade proposta por Urbaser presenta unha “natureza claramente industrial” e que as instalacións previstas supoñen unha implantación “estable e permanente no territorio”, incompatible cos usos provisionais permitidos nese ámbito.

Celia García, concelleira da formación nacionalista, considera “moi grave” que o Concello anuncie publicamente unha decisión sustentada nuns informes que, despois de dúas semanas, “continuamos sen recibir”.

A formación nacionalista insiste en que o acceso á información pública é unha obriga legal e unha garantía democrática básica, especialmente nun asunto que provocou unha importante contestación veciñal.

Comparte este artigo