O BNG esixe a Cubela actuar con urxencia para solventar os problemas de seguridade na estrada que une a PO-235 coa igrexa de Loureiro

Redacción

Ernesto Filgueira chama a non mirar para outro lado e insta ao PP a que a mellora da estrada serva tamén para crear un espazo de centralidade para os veciñas e veciñas

“Póñase mans á obra e deixe de mirar para outro lado. Non espere a que haxa algunha desgracia”, espetoulle o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, ao alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, pola súa deixadez para afrontar a mellora do vial que une a PO-235 coa Igrexa de Loureiro, a pesar de que é coñecedor dos problemas para a seguridade das persoas existentes neste vial.
“É urxente, para garantir a necesaria seguridade, consolidar a pavimentación lateral de cemento da estrada, que corre o risco de derrube, así como a colocación de elementos protectores diante do desnivel existente entre a estrada e unha finca colindante, a creación un paso de peóns, a mellora da iluminación e a canalización das augas pluviais” afirma Ernesto Filgueira.
“O que é inconcebíbel é que, coñecendo esta situación, o goberno municipal non faga absolutamente nada por solucionar as deficiencias. Non está nin parece se lle espere”, afirmou o portavoz nacionalista.
“Encarar o arranxo desta estrada permitiría, tamén, aproveitar as obras para crear unha praza de centralidade entre as vivendas e a igrexa parroquial, dotada de mobiliario urbano, que redundaría nunha mellora na calidade de vida dos veciños e veciñas desta zona”, afirmou Ernesto Filgueira, que adiantou que o BNG levará a cabo unha campaña informativa no lugar e volverá a trasladar ao pleno unha moción para que o goberno municipal tome medidas, dunha vez por todas, e proceda a mellora integral deste vial municipal, tan importante para os veciños e veciñas e a súa seguridade.

Comparte este artigo