Os nacionalistas denuncian que, despois de anos de abandono na Telleira, os niños fican esquecidos nun almacén desde hai moito tempo, o que provocou que varios deles tivesen que ser retirados definitivamente polo seu mal estado
O Bloque lamenta o maltrato do Partido Popular a un legado “único dun mestre que marcou a varias xeracións no CEIP Cruceiro de Vilalonga”
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo (BNG) advirte da situación de abandono absoluto no que se atopa un dos grandes tesouros naturais e patrimoniais do Concello. Trátase da colección de niños doados á Administración local polo mestre Xosé Manuel Hermida, coñecido como o Profe Hermida, no ano 2009, pouco antes do seu pasamento. Esta herdanza, composta no seu día por máis de 70 unidades de 25 especies diferentes, fica na actualidade totalmente esquecida nun almacén, sen que o Goberno do Partido Popular fixera nada na última década por darlle a importancia que esta doazón realmente merece.
O voceiro, Octavio González, e a edil Estrella Martínez pasaron revista aos niños que todavía fican gardados. Os concelleiros do Bloque advirten que varios deles xa tiveron que ser retirados definitivamente, debido ao seu deterioro absoluto. “A forma de actuar do Goberno de Telmo Martín dista moito de ser axeitada e de facer xustiza á fonda pegada que o Profe Hermida deixou entre varias xeracións de estudantes no CEIP O Cruceiro de Vilalonga”, sinalaron, ao tempo que destacaron que “un xesto tan xeneroso e altruísta como o que tivo o mestre merece moito máis respecto por parte do Partido Popular”. Esta situación, lembran desde o BNG, non é nova. Os niños formaron parte dunha exposición no Centro de Interpretación da Telleira, inaugurada en decembro de 2010, pero rapidamente quedaron alí esquecidos. “O PP prometera daquela dar a coñecer a colección entre centros educativos da bisbarra, pero apenas se organizaron visitas”, apuntan os nacionalistas. Os niños permaneceron na Telleira sen ningún tipo de promoción. Coa chegada do tripartito, a entón responsable de Cultura, a nacionalista Sandra Fernández Agraso, buscou alternativas para promocionar a herdanza do Profe Hermida. Nos dous anos que dorou ese mandato, antes da cesión da Alcaldía por parte de Gonzalo Pita a Telmo Martín, proxectouse un espazo no Centro Sociocultura do Revel, unha actuación que o Partido Popular botou abaixo.
“Son xa practicamente dez anos de esquecemento destes niños. Estamos a falar dunha herdanza única e inédita, na que o Profe Hermida investiu moito amor, tempo e dedicación”, apuntan desde o BNG. O mestre comezou esta particular colección a principios da década dos 80. Antes de facerse cos niños, corroboraba de xeito minucioso que cada un deles xa estaba abandonado polas aves. “A memoria do Profe Hermida merece moito máis ca deixar o seu legado acumulando pó nun rocho”, lamentaron os nacionalistas. No Bloque teñen claro que esta forma de actuación reflicte á perfección a pésima xestión que o Partido Popular fixo do Centro de Interpretación da Telleira durante máis de 20 anos. “Confiamos en que a última reforma sirva para que teña uso e se converta nun referente, tendo en conta que Telmo Martín dilapidou máis dun millón de euros na súa adquisición en 2004 e a tivo durante dúas décadas sen concederlle ningún uso cultural ou didáctico, ademais de permitir o deterioro constante das dependencias”, conclúe o BNG.

