O BNG esixe a Telmo Martín que aclare cando estará activo o socorrismo nas praias de Sanxenxo

Redacción

Un recurso presentado contra o proceso de licitación deste servizo provoca que a día de hoxe aínda non estean a traballar os e as profesionais, a pesar de que o alcalde asegurou recentemente que en praias como Silgar, Panadeira, Canelas ou Areas xa habería vixía desde o 1 de xuño

Lonxe de ser unha cuestión puntual, o Bloque recorda que este tipo de demoras xa se produciron con outros procesos administrativos, como a adxudicación do servizo de recollida do lixo, que o Concello se viu na obriga de asumir ante a falta de ofertas

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo solicita ao alcalde, Telmo Martín, que aclare á veciñanza cando ten previsto que se poida activar o servizo de socorrismo nas praias, despois de que a interposición dun recurso teña paralizado actualmente o proceso de adxudicación. Os nacionalistas piden que o Goberno do Partido Popular deixe a un lado a súa política escurantista e achegue información “con luz e taquígrafos”, toda vez que “estamos a falar dunha prestación moi importante, que garante a seguridade dos milleiros de bañistas que veñen aos nosos areais na tempada estival”.

Polo momento, tal e como recorda o Bloque, esta situación provocou que durante a pasada fin de semana ningunha praia tivese socorrista, a pesar do anuncio realizado polo alcalde de que o servizo entraría en vigor o 1 de xuño en praias como Silgar, Panadeira, Areas, Canelas e Montalvo. “Estamos entrando na recta final da primeira quinquena do mes e o alcalde aínda non se pronunciou sobre este asunto”, critica o BNG, que advirte de que situacións coma esta “hai tempo que deixaron de ser unha cuestión puntual”. O grupo da oposición achaca este escenario á nefasta xestión de Telmo Martín, que xa ten provocado problemas nos procesos de posta a punto doutros servizos de vital importancia. “Sucedeu co novo contrato do lixo, no que finalmente o Concello se ve na obriga de asumir a prestación ante a falta de ofertas no concurso de licitación. E isto sen esquecer outros recursos lúdicos, como a explotación do surf na Lanzada”, informa o BNG. “O señor Telmo Martín está moi máis preocupado por facerse fotos e vender fume que en informar debidamente á veciñanza, especialmente cando son temas de especial sensibilidade”, cargan os nacionalistas, que lamentan a mala imaxe que está a dar Sanxenxo pola mala xestión do alcalde. “O Goberno do PP anunciou a bombo e platillo que varias praias ían contar con socorristas desde o inicio do mes de xuño e a realidade é que a día de hoxe non sabemos cando van poder empezar os profesionais. Esiximos claridade a Telmo Martín e que, por unha vez, fale con sinceridade á veciñanza”.

Neste sentido, o Bloque recorda que son varias xa as ocasións nas que as promesas do alcalde caen en saco roto ou que falta á verdade. “En campaña electoral dixo que baixaría impostos e lle faltou tempo para subir varios recibos, incluíndo o IBI e a ‘viñeta’ do coche. Despois, tivo que recuar coa reforma da balaustrada de pedra de Silgar, que tiña previsto substituír por ‘inox’, tal e como consta no proxecto. Un concello como Sanxenxo merece un alcalde e un equipo de Goberno que traballe con seriedade e transparencia e garanta unha xestión áxil, especialmente cando falamos de adxudicar servizos de relevancia. A día de hoxe, a realidade é que se acontece alunha incidencia nas praias de Sanxenxo só queda o recurso de chamar ao 112, e o peor de todo é que non sabemos canto tempo se vai prolongar easta situación”, conclúen os nacionalistas.

Comparte este artigo