Os nacionalistas fanse eco das queixas de numerosas familias sobre as dificultades para poder contar con este servizo nas parroquias, onde todo o peso recae no traballo que realizan colectivos e agrupacións
O Bloque lamenta a falta de interese do alcalde en achegar servizos de primeira necesidade nas zonas rurais, unha constante durante todo o mandato, no que a prioridade do alcalde é “seguir recadando para pagar as consecuencias da súa política de formigón e cemento”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo insta ao Goberno local de Telmo Martín a que facilite o servizo de conciliación familiar e laboral durante o verán nas parroquias do rural da vila. A petición do Bloque vén motivada polo feito de que son moitas as familias que non residen nos núcleos de Sanxenxo ou Portonovo que precisan desta prestación durante o período estival, ao traballar en sectores como a hostalería ou o comercio, e que teñen moitas dificultades para poder acceder ás prazas ofertadas do Plan Concilia, ademais doutros problemas como a incompatibilidade de horarios.
Tal e como recordan os nacionalistas, o Concello de Sanxenxo, máis alá do devandito Plan Concilia, que só oferta 100 prazas por quinquena, deixa en mans de colectivos e agrupacións locais o traballo de organizar campamentos ou ludotecas de verán. “O esforzo e o labor que realizan estas asociación é moi grande para poder ofertar un servizo que debería ser responsabilidade do Goberno local”, sinala o grupo da oposición. Precisamente, a ausencia de conciliación no rural foi un dos temas principais que se abordou nas reunións informativas que o BNG está a manter nas parroquias desde hai semanas. “É un tema recurrente e unha preocupación que nos trasladaron xa varios veciños e veciñas en diferentes lugares”, sinala o voceiro nacionalista, Fran Leiro, que ten claro que a oferta de conciliación do Concello de Sanxenxo “é a todas luces insuficiente para poder dar resposta ás necesidades da veciñanza, máxime cando estamos a falar dunha localidade na que un gran número de familias vive da actividade hostaleira e turística no verán”.
O grupo nacionalista tamén se fai eco doutras queixas transmitidas por diferentes familias, como o horario do Plan Concilia, que remata ás 15.00 horas, o que dificulta a recollida de nenos e nenas por parte de moitos pais e nais. A isto hai que engadir tamén o incremento do tráfico nesa época do ano, que provoca atascos e que tamén dificulta a recollida das crianzas nas instalacións nas que se desenvolve o Plan Concilia. Desde o BNG teñen claro que a ausencia de conciliación é unha mostra máis do nulo interese do alcalde Telmo Martín polos habitantes no rural de Sanxenxo. “Máis alá das proximidades da praia de Silgar ou do Porto Deportivo, o señor Martín non se preocupa en xestionar e iso conleva un déficit de servizos moi preocupante en zonas rurais, algo que xa atemos denunciado en varias ocasións”, advirte Fran Leiro. Unhas carencias que non se corresponden coas subas de impostos e de taxas municipais aplicadas polo Goberno de Telmo Martín, cun “afán recadatorio que lle permita facer fronte ás nefastas consecuencias da súa política de cemento e formigón”.
Por outra banda, o BNG lembra que, unha vez rematadas as reunións informativas de abril, estes encontros retomaranse no Centro Cultural de Nantes o martes 6 de maio, ás 19.30 horas. Posteriormente, convocaranse na Casa Cultural de Bordóns (xoves 8 de maio, ás 19.30 horas), na Casa Forestal As Canteiras de Noalla (martes 20 de maio, ás 19.00 horas), na Sala Nauta do Porto Deportivo de Sanxenxo, o xoves 22 de maio, ás 19.30 horas, e, por último, o martes 3 de xuño na Casa Mariñeira de Portonovo, tamén ás 19.30 horas. Os nacionalistas non descartan realizar novas convocatorias, en caso de que sexa necesario.
Ademais, se se producise algunha modificación nestas datas daríase previamente avisto a través dos perfís oficiais do grupo municipal nas redes sociais.