O goberno de Viéitez deixa fóra dos campamentos de verán a un neno de 7 anos pola súa discapacidade
Dende o BNG de Meaño queren mostrar a súa total indignación ante a exclusión de menores polo seu grado de discapacidade na ludoteca municipal de verán.
A organización nacionalista ve intolerable que as novas bases redactadas polo goberno do PP de Viéitez utilicen as necesidades de apoio como un motivo de veto, privando así aos nenos do seu dereito ao lecer e afogando a conciliación das súas familias.
O BNG considera que a maneira de repartir os cartos dun concello reflicte as súas prioridades políticas. Para a organización nacionalista un goberno municipal ten a obriga moral de priorizar o eido social, e axudar na conciliación familiar, especialmente naquelas familias que teñen persoas maiores e, como neste caso, crianzas con necesidades especiais que afrontan maiores dificultades no seu día a día.
Unha vez máis os concellos teñen que asumir servizos que non lles corresponden xestionar, mais a falta de recursos non pode servir de escusa. Se o problema é orzamentario, o deber do alcalde é esixir o financiamento necesario á Xunta de Galiza en lugar de calar por interese partidista. Como organización, o BNG seguiralle reclamando ao Goberno da Xunta os fondos que legalmente lle corresponden a Meaño para garantir que ningunha familia quede fóra.
Por todo isto, o BNG insta ao goberno do PP de Meaño a modificar de inmediato estas bases exclusivas e a poñer os recursos económicos necesarios para contratar os coidadores de apoio que fagan falta. Os servizos públicos ou son inclusivos e universais, ou non son máis ca un privilexio pagado co diñeiro de todos.

