O BNG lamenta o exceso de fume, cemento e escurantismo no terceiro ano de mandato de Telmo Martín

Redacción

Os nacionalistas critican a pésima xestión do Goberno do PP, nun curso político no que se acentuaron as eivas de servizos básicos no rural e no que o alcalde volveu protagonizar volantazos sen sentido, como o caos circulatorio na contorna de Silgar ou a pésima xestión do contrato da recollida do lixo

O Bloque pon en valor o seu labor en positivo na oposición, que sirve para marcar a folla de ruta do Goberno local, que levou a cabo varias actuacións a instancias das peticións veciñais que os nacionalistas trasladaron nos Plenos

Máis fume, máis cemento, menos servizos e cada vez menos transparencia. Estes son os rasgos que caracterizan o terceiro ano do actual mandato de Telmo Martín, consolidando unha política do ‘máis do mesmo’, tirando cara adiante sen ter en conta as necesidades da veciñanza, especialmente nas parroquias do rural, e centrándose só en macroproxectos que teñan que ver con Silgar ou o Porto Deportivo. O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo lamenta a deriva do Goberno do Partido Popular, que neste exercicio volveu a protagonizar “episodios impropios de xestores públicos nun concello que presume de ser un referente nacional”.

Neste curso político, denuncian os nacionalistas, volveuse constatar o desprezo absoluto do señor Martín por todo o que ten que ver co rural ou as zonas máis afastadas dos núcleos principiais. “Atopámonos xa en pleno verán e os problemas que padecen as parroquias rurais non fan senón acrecentarse”, advirten desde o Bloque, que fan fincapé no mal estado de moitas pistas e vías municipais. O mesmo sucede coa recollida do lixo, que segue a ser un dos grandes debes de Telmo Martín. “Atopámonos con contedores totalmente impracticables, a pesares das queixas repetidas de moitos veciños e veciñas”, sinala o BNG, que tamén incide no déficit en cuestións como o transporte para o rural. “Reforzar liñas no verán está moi ben, pero hai centos de veciños e veciñas que precisan deste servizo durante todo o ano para poder facer xestións nos núcleos ou ir ao médico, porque non dispoñen de vehículo propio ou de recursos para desprazarse polos seus propios medios”, explican os nacionalistas, que xa no seu momento denunciaron a escasez de investimentos e de recursos no Orzamento aprobado neste 2026 para o rural.

Este curso político tamén estivo marcado polos volantazos protagonizados por Telmo Martín en cuestións tan importantes como o servizo de recollida do lixo. “En apenas uns meses, pasamos de ter en marcha un concurso de licitación con oito empresas presentando ofertas a que o Concello asuma a prestación de maneira directa, nun cambio de rumbo que é un fiel reflexo da falta de visión e de xestión do alcalde e do Partido Popular”, cargan os nacionalistas. Este xeito de gobernar, tan nefasto para veciñan, tamén se ve reflectido no caos circulatorio no que o señor Martín converteu a contorna de Silgar desde mediados de xuño, ao aplicar unha serie de cambios de circulación “dun día para outro, sen avisar nin informar previamente a veciños e profesionais da hostalería e do comercio, o que xerou un profundo e lóxico malestar, por non falar do desconcerto que tamén está a producir entre os primeiros turistas da temporada de verán”. Esta falta de transparencia volveu quedar patente tamén no intento de Telmo Martín de eliminar un dos símbolos do Paseo de Silgar, como é a balaustrada de pedra. O alcalde non tivo máis remedio que recuar e modificar o proxecto ante a denuncia pública do BNG sobre a súa intención de subsituír a pedra por unha pasarela de aceiro inoxidable, acabando así cunha das estampas históricas da nosa vila. Outro exemplo de opacidade foi o peche temporal da Biblioteca de Portonovo, anunciando un emprazamento temporal que non se chegou a producir, deixando sen servizo a un gran número de usuarios e usuarias.

O BNG aposta por unha oposición fiscalizadora e en positivo

Os nacionalistas tamén salientan o traballo feito desde a oposición, consolidando a súa canle coa veciñanza, o que permitiu forzar ao Goberno do Partido Popular a tomar medidas e realizar accións promovidas polo Bloque e que o equipo de Telmo Martín tumbou en numerosos Plenos. “Aínda queda moito por facer no rural, pero polo menos xa se arranxaron algúns camiños en lugares como A Revolta ou Noalla, grazas ás peticións veciñais que trasladamos ao Goberno do PP”, recordan os nacionalistas, que tamén insistiron no seu momento na ampliación do número de plazas das ludotecas de verán ou as medicións de radón en equipamentos públicos, como o Pazo Emilia Pardo Bazán. “Esta medida esixímola por vía plenaria e, aínda que o PP se opuxo, finalmente vaise levar a cabo”. Ademais, tamén hai que destacar propostas en positivo realizadas para dotar a Sanxenxo dun servizo de transporte a demanda no rural ou a mellora da seguridade viaria na PO-504 ou en Arra, por citar dous exemplos.
“Se algo quedou demostrado neste mandato é que o Goberno de Telmo Martín só acomete actuacións de necesidade cando lle marcamos o camiño. Todo o demais é cemento, fume, promesas e falta de transparencia”, finalizan os nacionalistas.

Comparte este artigo