O BNG manifesta a súa preocupación pola demora na inauguración do Centro Cultural

Redacción
Lectura mínima de 2

Lucía Santos critica os continuos aprazamentos da inauguración do Centro Cultural, vinculados a cuestións técnicas e a cambios nas previsións iniciais, e denuncia ademais incidencias estruturais como filtracións e intervencións na cuberta, sen explicacións por parte do goberno local

O BNG manifesta a súa preocupación polos reiterados atrasos na inauguración do Centro Cultural, así como pola incerteza que rodea a celebración de eventos anunciados polo goberno local, entre eles a Gala do Deporte, prevista inicialmente para o pasado 20 de febreiro e presentada no mes de xaneiro, ou a terceira edición do Festival Cine do Mar, que se celebrará do 20 ao 26 de abril e que tivo que cambiar de espazo para a súa celebración.

A inauguración do centro cultural continúa sen data oficial, nun contexto marcado por sucesivos cambios nas previsións de apertura dun edificio que acumula anos de execución, prórrogas e modificacións do proxecto inicial. A apertura, anunciada nun primeiro momento para o primeiro trimestre de 2026, foi posteriormente aprazada por cuestións técnicas relacionadas coa conexión eléctrica. Porén, unha vez resolta esta incidencia, o goberno local segue sen concretar unha data definitiva.

Lucía Santos Omil, portavoz do grupo nacionalista, tamén denuncia as continuas incidencias estruturais detectadas no inmoble, como problemas de filtracións de auga e intervencións recentes na cuberta por parte de operarios. Estas cuestións xa foron trasladadas na comisións informativa de urbanismo do pasado mes de marzo, sen que —segundo denuncian— se obtivesen explicacións por non ter coñecemento dos feitos  por parte do concelleiro de urbanismo.

Para o BNG, esta situación evidencia unha “falta de planificación”, así como deficiencias na execución da obra e unha xestión “pouco transparente” por parte do goberno municipal, ao que responsabilizan tamén dos sobrecustes e das sucesivas modificacións do proxecto.

Comparte este artigo