O BNG obriga a recuar a Telmo Martín, que volveu mentir á veciñanza coa eliminación da balaustrada de pedra de Silgar

Redacción

Os nacionalistas, que manteñen a mobilización do vindeiro venres na defensa da estética e da tradición da contorna, deixan en evidencia ao alcalde, que agora trata de fuxir cara adiante falando dun engadido de ‘inox’ que non contempla a normativa e “cando todos os documentos publicados polo propio Concello falan da substitución do elemento de pedra”

“É inaudito que a persoa que subiu os impostos a toda a veciñanza despois de prometer baixalos fale de bulos, nunha nova mostra da súa falta de consideración e respecto á cidadanía”, critican desde o Bloque

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a presión social da veciñanza fan recuar ao alcalde na súa pretensión de acabar cun dos poucos símbolos que aínda quedan na contorna de Silgar. Así quedou demostrado na comparecencia protagonizada hoxe por Telmo Martín, na que quedou patente o seu nerviosismo, e que se viu obrigado a facer ante a forte oposición que se atopou por parte dos veciños e veciñas de Sanxenxo.

Agora, o señor Martín trata de protagonizar unha fuxida cara adiante falando dun engadido de ‘inox’ e negando a supresión da varanda de pedra, quedando así en evidencia. Tal e como lembran os nacionalistas, “o propio Concello anunciou o pasado 20 de abril a substitución da pasarela de pedra por elementos de aceiro inoxidable, algo que tamén consta na resolución do Consello da Xunta de Galicia, a través da cal se obtén a subvención para esta actuación”. O Bloque incide en que “os papeis e os feitos demostran que Telmo Martín, unha vez máis, está a mentir á cidadanía de xeito flagrante”.

Por moito que agora o alcalde trate de desdicirse e botar balóns fóra, o BNG mantén convocada a mobilización prevista para o venres 8 de maio, ás 19.00 horas, na Rosa dos Ventos do Paseo. “Animamos á veciñanza de todas as parroquias e de todas as ideoloxías a que veñan para defender a tradición e o respecto pola memoria e a tradición do noso pobo”, sinalan os e as responsables do Bloque, que recordan, ademais, que non existe necesidade de utilizar material inoxidable para facer que a varanda cumpra coa normativa. “Desde o primeiro momento no BNG deixamos claro que sempre imos defender actuacións de mantemento que sexan necesarias, pero non a costa dos caprichos do alcalde, e máis cando está en xogo un dos símbolos tradicionais de Sanxenxo. Existen mellores solucións para mellorar ese elemento, facendo uso da pedra e realzando a estrutura. A intención de quitar a varanda de granito e meter ‘inox’ é unha teima que o alcalde pretendía facer ás agochadas e sen ter en conta á veciñanza, repetindo os mesmos erros que cometeu coa abominable reforma do Mirador da Peixeira que tanto rexeitamento e malestar provocou en Portonovo”, apunta o Bloque. “Se ao señor Martín non se lle ocorre ningunha fórmula que sexa respectuosa coa contorna para mellorar a varanda, sempre pode convocar outro concurso de ideas, como fai cos seus grandes proxectos de formigón e cemento”, ironizan os nacionalistas.

O BNG tamén lamenta os ataques realizados polo alcalde contra os nacionalistas, acusándoos de mentir, cando “a documentación está clara”. Ademais, “non deixa de resultar irónico que acuse de dicir bulos un político que durante meses prometeu á veciñanza baixadas de impostos e ao que lle faltou tempo para aumentalos, igual que o seu soldo”.

Comparte este artigo