Comprométese nun encontro con colectivos sociais a defender no Congreso unha “ambiciosa axenda” ante as ameazas da dereita e a ultradereita e a falla de avances
Roberto Pascual: “O Bloque non toleraremos ningún retroceso en dereitos e liberdades”
Xabier P. Igrexas: “Este 29N hai alternativa no BNG entre o abismo e o mal menor”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama a “pasar á ofensiva para avanzar en dereitos” nas Eleccións Xerais deste 29N. A fronte nacionalista comprometeuse este martes en Vigo, nun encontro con colectivos sociais, a defender no Congreso unha “ambiciosa axenda ante os retrocesos da alianza reaccionaria e a falla de avances dos últimos anos”.
O candidato do BNG ao Congreso, Roberto Pascual, acompañado do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou no acto que a papeleta nacionalista será unha “dobre garantía” para as galegas e galegos: para frear as involucións en liberdades coas que ameaza a dereita e a ultradereita e, tamén, para empurrar avances reais en dereitos en lugar dos “pasos tímidos” desta última lexislatura.
Dende o Bloque pediron non caer na resignación este 29N que pretende a alianza reaccionaria. “Non hai nada escrito, quérennos submisas e submisos para impoñer a xenofobia, o machismo, o odio contra a diversidade ou a galegofobia”, alentaron. Fronte a isto, reafirmaron o compromiso nacionalista para defender nas Cortes os dereitos e liberdades conquistados como “irrenunciábeis”.
Porén, para a fronte nacionalista “non abonda con conservar o que xa temos”, sinalando os incumprimentos da última lexislatura. Neste sentido, Pascual fixou como unha das prioridades do Bloque a derrogación íntegra da Lei Mordaza. “A elección non pode ser entre gas pementa ou gas lacrimóxeno”, destacou. De igual xeito rexeitou as violacións de dereitos humanos como as devolucións en quente en materia migratoria.
O BNG situouse tamén como “muro de contención” fronte á negación da violencia machista, chamando a poñer a axenda feminista no centro das políticas públicas. E reivindicou unha sociedade “orgullosamente diversa fronte aos discursos lgtbfóbicos” con medidas e recursos para defender estes dereitos.
Reclamaron igualmente “políticas valentes” para consolidar e garantir conquistas recentes como o dereito á libre interrupción do embarazo así como a unha morte digna “para que non queden só no papel”.
Durante o encontro, o candidato nacionalista trasladou ademais o compromiso para avanzar na democratización do Estado español: polo dereito a decidir dos pobos, dando máis pasos pola xustiza e reparación da memoria das vítimas do franquismo ou pola efectiva separación coa Igrexa católica.
De por parte, o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, insistiu en que “non vai de escoller entre o abismo e o mal menor” nas eleccións deste vindeiro 29N. “Existe a ameaza real de retroceder, mais tamén a oportunidade de avanzar”, destacou, afirmando que un BNG máis determinante en Madrid será garantía de dereitos e liberdades.

