O BNG pide explicacións á Xunta sobre o IMELGA e reclama garantías para que A Estrada non siga perdendo servizos

Redacción

Marcos Borraeros lembra o acordo unánime do Pleno para manter a vinculación con Santiago e pide actuar antes de que novas decisións administrativas afasten servizos da cidadanía estradense.

O candidato do BNG á Alcaldía da Estrada, Marcos Borraeros, considera preocupante a nova licitación da Xunta relativa ao transporte forense nos partidos xudiciais da Estrada e Lalín e reclama que se aclare con precisión o seu alcance e as consecuencias que pode ter para a prestación dos servizos do IMELGA.

A documentación coñecida sitúa A Estrada e Lalín no ámbito da Subdirección do IMELGA en Pontevedra. Para o BNG, esta referencia merece unha explicación clara, pero non permite afirmar por si soa que estea consumado o traslado de todo o servizo forense. Precisamente por iso, a formación nacionalista considera que é o momento de actuar con prevención e reclamar garantías.

«Non queremos crear unha alarma que non estea xustificada, pero tampouco queremos esperar a que os servizos marchen para preguntar despois que aconteceu. Se unha licitación oficial sitúa A Estrada no ámbito de Pontevedra, queremos saber que significa, que vai cambiar e, sobre todo, que garantías existen para manter a proximidade dos servizos», sinala Marcos Borraeros.

O BNG lembra que o Pleno da Estrada aprobou por unanimidade en decembro de 2025 opoñerse ao anteproxecto de modificación do decreto do IMELGA e solicitar expresamente que A Estrada, xunto cos demais concellos afectados, continuase dependendo de Santiago. O acordo reclamaba tamén máis profesionais para reducir os tempos de espera.

Para Borraeros, aquel acordo cobra agora especial importancia: «Non foi unha posición dun partido contra outro. Foi un acordo de toda a Corporación, tamén do Partido Popular. Se todos coincidimos en que manter a vinculación con Santiago era o mellor para A Estrada, corresponde agora ao Goberno municipal defender ese acordo diante da Xunta e pedir información antes de que se adopten decisións que despois sexan difíciles de reverter».

O candidato nacionalista subliña que a preocupación vai máis alá dun expediente concreto do IMELGA. «A Estrada non pode ir perdendo ou afastando servizos pouco a pouco, decisión administrativa tras decisión administrativa, ata que un día descubramos que para cada vez máis cousas temos que desprazarnos fóra. Nun concello que leva anos preocupado pola perda e o envellecemento da poboación, conservar servizos públicos próximos tamén é política demográfica».

O BNG considera que a reorganización dos servizos públicos debe facerse atendendo á proximidade, aos tempos de desprazamento e á calidade da atención, e non unicamente a criterios administrativos. No caso do IMELGA, lembra ademais que a moción aprobada polo Pleno advertía de que un cambio a Pontevedra non garantiría unha mellor atención se non viña acompañado dun reforzo de persoal.

«Non se trata de crear un conflito entre Santiago e Pontevedra. Trátase de defender o que resulte máis próximo e eficaz para a cidadanía da Estrada. E, neste caso, o propio Pleno xa expresou por unanimidade cal era a súa posición», afirma Borrageros.

A formación nacionalista solicitará que o Concello reclame á Xunta información concreta sobre o alcance da nova licitación, a situación da adscrición territorial da Estrada no IMELGA e calquera modificación prevista na prestación dos servizos forenses que afecte ao partido xudicial estradense.

Borraeros reclama tamén que o Goberno local adopte unha posición preventiva ante calquera posible perda ou afastamento de servizos públicos: «Os acordos do Pleno non poden quedar nun papel. Se defendemos aquí que un servizo debe manterse próximo, temos que defendelo tamén diante da administración competente, mesmo cando está gobernada polo mesmo partido».

«A Estrada non pide privilexios. Pide non perder servizos, proximidade nin capacidade como cabeceira dun territorio. Neste asunto preferimos preguntar, aclarar e actuar agora que lamentarnos cando xa non haxa volta atrás», conclúe o candidato do BNG á Alcaldía.

Comparte este artigo