O BNG priorizará o inicio da lexislatura no Parlamento a sanidade, a rexeneración das rías, as infraestruturas e o emprego

adminON
Lectura mínima de 3

O deputado nacionalista Luís Bará mantivo hoxe un encontro de  traballo con responsabeis do BNG das comarcas de Pontevedra e  Caldas para planificar o traballo parlamentario de inicio da nova  lexislatura, no que a actuación no territorio terá a máxima prioridade. 

O BNG impulsará diferentes iniciativas parlamentarias nas  vindeiras semanas en relación con temas centrais das comarcas de Pontevedra e Caldas como  a defensa da sanidade pública, o impulso de solo industrial para a creación de emprego, o  saneamento e rexeneración das rías de Pontevedra e Vigo e a mellora das infraestruturas e do  transporte público tanto por estrada como por ferrocarril. 

Na axenda do BNG tamén están outros temas como o cambio do modelo enerxético ou as  políticas de promoción de vivenda pública, que serán obxecto de atención especial no comezo  da nova lexislatura. 

En relación coa sanidade pública, hoxe acordouse a creación dunha comisión de seguimento da  situación da atención primaria e dos PAC na comarca, para trasladar ao parlamento as  deficiencias en materia de persoal de medicina de familia ou pediatría, ou a necesidade de  novos centros de saúde como é o caso de Poio, Caldas ou Soutomaior. Nesta comisión tamén se  fará seguimento do Hospital Montecelo e do Hospital Provincial. 

Con respecto ao estado das rías, as primeiras iniciativas do BNG centraranse na dragaxe do  Lérez paralizada desde fai 14 anos polo PP, o saneamento e a depuración do fondo das rías de  Pontevedra e Vigo, e a rexeneración produtiva dos bancos marisqueiros, con solicitude de  medidas compensatorias para centos de persoas afectadas polo cese de actividade. 

En materia de infraestruturas, o BNG ten previsto elaborar un plan de mellora integral da rede  viaria autonómica na comarca, e levar ao parlamento iniciativas en relación coa variante de  alba ou a variante do Vao en Poio para desconxestionar a ponte da Barca e urbanizar o primeiro  treito da PO 308. 

Por último, en relación coa actividade industrial e o fomento do emprego, Luís Bará anunciou  que nos vindeiros días rexistrará as primeiras iniciativas parlamentares da nova lexislatura  relacionadas coa comarca de Pontevedra, centradas na ampliación do parque empresarial do Campiño e na tramitación do parque empresarial de Fraga Moreira, paralizado polo PP na Xunta  durante 15 anos. 

Con este encontro de hoxe, un formato que terá continuidade nos vindeiros meses, o BNG das  comarcas de Pontevedra e Caldas ponse mans á obra na nova lexislatura do parlamento galego,  na que se consolidou como segunda forza e alternativa ao PP con 25 deputadas, 8 da provincia  de Pontevedra.

Comparte este artigo