O BNG propón a dotación dun espazo público de lecer para a mocidade de Sanxenxo

Redacción

Os nacionalistas presentarán no vindeiro Pleno ordinario unha moción para solicitar ao Goberno local medidas que sirvan para habilitar “un punto de encontro para os nosos mozos e mozas”

O Bloque recorda que o modelo de lecer predominante que existe actualmente na vila está moi vencellado á hostalería e aos establecementos privados, de aí que sexa necesarias unhas instalacións “que favorezan unha socialización máis diversa, igualitaria e enriquecedora”

A día de hoxe Sanxenxo presenta unha eiva moi importante no que se refire ao ofrecemento de espazos de lecer específicos para a xente moza. É por iso polo que desde o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego promoven unha proposta para habilitar áreas destinadas ao divertimento e esparcemento da xuventude, que faciliten a convivencia e a socialización en condicións seguras e accesibles, non condicionadas ao consumo.

O responsable local do Bloque, Adrián González, confirmou que o grupo presentará no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o 30 de marzo, unha moción para instar ao Goberno local a estudiar a viabilidade da creación e posta en marcha dun espazo específico para a mocidade no concello, que sirva para consolidarse como punto de encontro e de lecer alternativo. Entenden os nacionalistas que o devandito espazo debería contar con recursos como sala de xogos de mesa, futbolíns, mesas de billar, sala de cine ou proxeccións audiovisuais e zonas de descanso, garantindo as condicións axeitadas en materia de accesibilidade, seguridade e mantemento. Para facilitar o seu uso, o BNG propón que este espazo sexa o máis céntrico posible, adoptándose, ao mesmo tempo, medidas que faciliten o desprazamento desde outras parroquias, ben sexa a través do transporte público ou doutras alternativas de mobilidade. Na moción, asemade, inclúese un punto no que se solicita ao equipo de Goberno que informe ao Pleno, nun prazo de 3 meses, sobre a viabilidade da proposta, incluíndo posibles emprazamentos, custos estimados e vías de financiamento.

Adrián González lembra que “actualmente en Sanxenxo o modelo de lecer predominante está moi vencellado á hostalería, en establecementos privados. Esta realidade limita as opcións de ocio para unha parte importante dda nosa xuventude e non sempre favorece hábitos saudables nin dinámicas inclusivas”. Por iso, o responsable local e concelleiro nacionalista entende que “é necesario promover alternativas, a través de espazos nos que se facilite a socialización e que sexan punto de encontro para os mozos e mozas de Sanxenxo”.

Comparte este artigo