O BNG proxecta a creación de dous parques públicos interxeracionais nos terreos dos antigos colexios de Tombelo e do Casal en Noalla

Redacción

A proposta dos nacionalistas, que será presentada no vindeiro Pleno a través dunha moción, serviría para dotar de lugares de lecer á parroquia, aproveitando os espazos que quedaron libres logo da demolición das vellas escolas hai más dunha década

O Bloque propón que se inclúan fondos para facer realidade esta actuación nos Orzamentos de 2027

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo presentará no Pleno ordinario do mes de xullo, que terá lugar o vindeiro luns, unha proposta para acometer a creación de novos espazos de lecer na parroquia de Noalla.

O proxecto deseñado polos nacionalistas contempla o aproveitamento dos terreos que quedaron sen uso logo de que o Concello de Sanxenxo demolese as ruínas das antigas escolas do Tombo e do Casal, hai xa máis dun lustro. “Son áreas que actualmente están infrautilizadas, xa que desde que se procedeu ao derribo dos colexios non se acometeu alí ningunha actuación”, lembra o voceiro do Bloque, Octavio González.
O proxecto nacionalista serviría para consolidar novos espazos de convivencia interxeracional, dentro da súa política de defender a necesidade de dotar ao rural de Sanxenxo de infraestructuras e equipamentos que melloren a calidade de vida da súa veciñanza. O Bloque defende que tanto no Tombelo como no Casal se habiliten sendos parques con zonas de xogos para crianzas e áreas de descanso pensadas especialmente para persoas maiores. A actuación deseñada polo BNG inclúe, asemade, arbolado para zonas de sombra e a instalación de mobiliario inclusivo. Un dos aspectos fundamentais da proposta ten que ver coa priorización da accesibilidade universal, priorizando a supresión de barreiras arquitectónicas. Faise, a maiores, unha firme aposta poploa sustentabilidade, coa utilización de materiais ecolóxicos, sistema de recollida de augas pluviais e dotación de luminarias eficientes.

Octavio González defende que esta dobre actuación sería moi positiva para a parroquia de Noalla e, especialmente, para o lugar da Revolta, onde “na actualidade non existe espazos nin centros de lecer de referencia, co que se daría resposta a unha eiva moi importante e que a veciñanza desta zona está a sufrir”. A proximidade co Tombelo pailaría esta ausencia. Dentro da moción, ademais, tamén se propón que se inclúan fondos para facer realidade o proxecto no Orzamento de 2027, cun prazo de 3 meses desde a aprobación da devandita moción para que os técnicos municipais revisen e activen o proceso de licitación.

Ademais, o Bloque tamén aposta por buscar vías de financiación a través doutras institucións, como a Deputación de Pontevedra ou a Xunta de Galicia.

O BNG ten claro que “o noso rural tamén é de primeira e a veciñanza merece contar con este tipo de espazos de lecer”. Neste caso, ademais, conseguiríase recuperar lugares que durante décadas foron referentes ao acoller dous colexios nos que se formaron varias xeracións de veciños e veciñas da Revolta e de Noalla.

Comparte este artigo