O BNG solicita a retirada de enseres acumulados ao carón dos contenedores

Redacción

A formación nacionalista pide revisar e limpar todos os puntos afectados, reforzar medidas preventivas e impulsar unha campaña de concienciación sobre a recollida de residuos voluminosos

O BNG trasladou no último pleno municipal, celebrado o xoves 10 de setembro, unha demanda reiterada da veciñanza relacionada coa limpeza das illas de contedores. En concreto, a formación nacionalista fíxose eco das queixas pola acumulación de mobles, enseres e outros residuos voluminosos en diferentes puntos do núcleo urbano e das parroquias.

Celia García, concelleira da formación nacionalista, advirte de que esta situación se repite en distintos lugares da vila, xerando problemas de limpeza e salubridade, dificultando o acceso aos contedores e deteriorando a imaxe dos espazos públicos.

Ante esta demanda reiterada, o BNG solicita ao Goberno municipal que realice unha revisión de todas as illas de contedores do concello e proceda á retirada inmediata dos residuos acumulados.

Ademais a organización propón poñer en marcha unha campaña de concienciación e información sobre o servizo de recollida de enseres e residuos voluminosos.

Así mesmo, considera necesario que o Goberno local analice as causas polas que estes depósitos se producen de maneira reiterada e valore a adopción de medidas complementarias nos puntos máis afectados.

O BNG sinala que non abonda con retirar os residuos unha vez que xa están acumulados. Cómpre ofrecer información clara e accesible, adoptar medidas preventivas que contribúan a evitar a aparición de vertedoiros incontrolados para garantir o correcto funcionamento dos servizos municipais neste eido.

Comparte este artigo