O BNG traslada ao Parlamento a oposición veciñal á planta de Urbaser en Pardavila

Redacción
Lectura mínima de 2

Paulo Ríos e Lucía Santos recolleron información relativa ao proxecto para trasladala ao Parlamento galego. Os nacionalistas defenderon que a Xunta e Augas de Galicia deben priorizar criterios de protección ambiental e da saúde pública, evitando a concesión dos permisos para a execución da iniciativa.

O deputado Paulo Ríos e Lucía Santos Omil, voceira do Grupo Municipal Nacionalista, mantiveron o pasado venres 17 de abril unha xuntanza coa Plataforma Veciñal de San Xulián, un colectivo formado pola veciñanza da parroquia co obxectivo de rexeitar a construción da planta da empresa Urbaser no lugar da Canteira, en Pardavila.

A empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos ten previsto levantar unha nave loxística destinada a garaxe, taller e zona de lavado de camións. Porén, a veciñanza amosa o seu rexeitamento ao proxecto ao considerar inadecuada a súa localización.

Segundo a Plataforma Veciñal de San Xulián, o terreo proposto está catalogado no PXOM como solo rústico dotacional e atópase integrado nun núcleo de vivendas. De feito, a casa máis próxima sitúase a escasos metros da parcela, que ademais presenta afeccións patrimoniais pola presenza dun hórreo nas inmediacións. A maiores, a zona está condicionada polo paso do río Lameira e pola proximidade da estrada PO-313, factores que incrementan a preocupación polos posibles impactos ambientais e na calidade de vida da veciñanza.

Tras a reunión, os nacionalistas recolleron información relativa ao proxecto para trasladala ao Parlamento Galego. O deputado nacionalista anunciou que instará á Xunta de Galicia e a Augas de Galicia a non conceder os permisos necesarios para a execución da iniciativa. Ríos subliñou que a actividade prevista ten carácter industrial, polo que debería situarse en espazos habilitados para este tipo de usos.

Neste sentido, o BNG defendeu que os criterios da Xunta deben priorizar o respecto polo medio ambiente e a protección da saúde pública fronte á implantación de actividades industriais en localizacións inadecuadas.

Comparte este artigo