Ernesto Filgueira lembra que as regras de gasto que abafan aos concellos teñen nome e apelidos (Mariano Rajoy e Cristobal Montero) e foron aplaudidas no seu día por Cubela, e que tanto PP como PSOE tiveron tempo para derogalas
O BNG reivindicou sempre a derogación das regras fiscais para poder destinar os remanentes á mellora da calidade de vida das veciñas e veciños do concello así como á mellora dos servizos e a un maior gasto social
O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, afirmou hoxe no pleno extraordinario da corporación municipal para tratar o plan económicofinancieiro, que “o que traen aquí non é unha folla de ruta estratéxica nin unha mellora para a veciñanza: é unha imposición legal por unha xestión económica deficiente”.
Evidentemente, para o portavoz nacionalista “é un revés para o goberno do PP e un momento complicado, pois o noso concello está hoxe baixo a lupa de Facenda porque o seu Goberno foi incapaz de cumprir coas regras básicas de estabilidade. Das 3 regras fiscais da chamada Lei Montoro ese concello incumpre dúas. Non se cumpre o principio de estabilidade orzamentaria, cun deficit de 354.006,61 euros, nin tampouco o limite da regra de gasto cun deficit de 396.717,05 euros.”
Para o BNG resulta curioso, por non dicir cínico, ver e escoitar ao Sr. Alcalde criticar na prensa e neste pleno a vixencia das regras de gasto que di ‘asfixian’ aos concellos, cando esas regras teñen nomes e apelidos: “Mariano Rajoy e o Ministro Cristobal Montoro, e foron aplaudidas por vostedes no seu momento. Por certo, vostede mesmo acatou esas regras, porque xa era alcalde daquela. Parabenizámolo polo seu xiro”.
No BNG levamos anos reividicando a derogación das regras fiscais para poder destinar os remanentes á mellora da calidade de vida das veciñas e veciños do concello así como á mellora dos servizos e a un maior gasto social, mais foi o Partido Popular quen deseñou este corsé legal para intervir a autonomía municipal. Tempo tiveron, para tela modificado. Tanto o Partido Popular coma o PSOE.
“Se o Sr. Cubela está hoxe en contra das regras de gasto, o que debería facer é pedirlle contas ao seu propio partido en Madrid e non pretender que os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade paguemos os pratos rotos das súas políticas”, afirmou Filgueira.
O Plan presentado hoxe é o recoñecemento dun fracaso. Gastaron os remanentes sen control, e agora a lei obrígaos a conxelar o Concello ata 2027. “Di o Plan de Estabilidade Financeira que hoxe nos traen aquí que non haberá medidas drásticas porque confían en que a situación se arranxe soa co paso do tempo. Pero a realidade é que o concello verase obrigado a apretar o cinto e quen sentirá as consecuencias será a veciñanza”, afirmou Ernesto Filgueira.
Ernesto Filgueira denunciou que o alcalde e o seu grupo “fían todo á sorte de saltarse as normas que o seu propio partido inventou”, ao tempo que manifestou que “nós, no BNG, non imos ser cómplices dunha xestión que gasta sen previsión e que agora nos pon en risco de intervención por non saber xestionar nin as regras que o PP lle impuxo a todos os concellos de Galiza, polo que o noso voto é en contra da súa proposta”.

