O Centro de Día de Torroso estrea furgoneta adaptada

adminON
Lectura mínima de 2

Para a súa compra contou co apoio da consellería de Política Social e da Fundación La Caixa

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o seu tenente de alcaldesa, Camilo Grandal, achegáronse esta mañá ata o Centro de Día ‘O Son do Regueiro’ en Torroso, onde veñen de recibir a nova fugoneta adaptada ás necesidades de persoas con mobilidade reducida para desprazamento de usuarios e usuarias do Centro.

Os representantes municipais Arévalo e Grandal, estiveron acompañados por persoal do Centro de Día e por dous representantes de La Caixa, entre eles o director da oficina do Porriño, pois a Fundación La Caixa aportou 10.000 euros para a compra da devandita furgoneta. Trátase dunha Nissan Primastar.

A adquisición do vehículo foi posible tamén grazas a unha axuda autonómica da consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia que ascende a 15.000 euros. O importe restante ata o total dos 36.000 euros que valeu o automóbil financiouse con fondos propios de ‘O Son do Regueiro’.

Desde o Centro de Día agradecen o apoio incondicional da consellería de Política Social e avanzan que esperan manter futuras novas colaboracións co departamento autonómico para diversas iniciativas vindeiras.

Pola súa banda a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, descacou “o labor do Centro de Día de Torroso no coidado dos nosos maiores, parte fundamental da nosa sociedade e aos que tanto lles debemos” e insistiu en “darlle as grazas á Xunta en xeral e á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García en particular, polo respaldo ás políticas sociais locais, impulsando programas e proxectos no noso municipio que benefician a diversos colectivos sociais; e mantendo sempre a man tendida ao Concello de Mos nos plans que desde aquí promovemos e traballar conxuntamente cos nosos Servizos Sociais Comunitarios”.

Comparte este artigo