O Centro Social Polivalente estrea un sistema de calefacción máis limpo, eficiente e sostible

Redacción

O Concello investiu máis de 40.000 euros na instalación dunha nova caldeira de biomasa, cofinanciada con fondos europeos Next Generation EU

O Centro Social Polivalente xa non depende dos combustibles fósiles. O Concello do Rosal deu un novo paso en firme cara á eficiencia enerxética dos edificios municipais coa instalación dunha nova caldeira de biomasa, un sistema que dará servizo á calefacción de todas as estancias do centro e que sitúa ao municipio na senda da transición enerxética que marcan os obxectivos europeos.

A actuación inclúe todos os elementos necesarios para o correcto funcionamento do sistema, entre eles un almacén de combustible con silo téxtil, unha solución de almacenamento flexible que permite gardar a cantidade necesaria de biomasa de forma limpa, segura e protexida.

Cun investimento total de máis de 40.000 euros, o Concello captou para o seu financiamento 24.000 euros de fondos europeos Next Generation EU, no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, xestionado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “instalar esta nova caldeira é unha decisión de futuro. Estamos reducindo a dependencia de combustibles fósiles, reducindo a pegada de carbono dos edificios e instalacións municipais e aforrando recursos que podemos destinar a outros servizos para a veciñanza”.

Esta actuación enmárcase nun proceso de transición enerxética amplo e planificado que o Concello leva desenvolvendo de forma sistemática nos últimos anos, co obxectivo de eliminar progresivamente a dependencia dos combustibles fósiles nos edificios e instalacións municipais. Ao longo deste camiño, xa foron substituídos os sistemas de calefacción de múltiples instalacións: a caldeira da Casa do Concello, a caldeira das escolas de Pancenteo, os sistemas de consumo enerxético das escolas unitarias de Tabagón e Pías durante o proceso de reforma integral de ambas, e as caldeiras do campo de fútbol e do pavillón municipal.

Todos estes sistemas que funcionaban con combustibles fósiles e xeraban un consumo enerxético dependente do petróleo foron substituídos de maneira estratéxica por sistemas de enerxía limpa e eficiente, reducindo así de forma significativa a pegada de carbono do parque municipal de edificios e avanzando cara a un modelo de xestión pública máis sostible e responsable.

Comparte este artigo