O CKM de Mos brilla nos Campionatos Galegos e mete tres boxeadores no Nacional

Redacción
Lectura mínima de 2

O CKM de Mos volve deixar pegada nos Campionatos Galegos de Boxeo, cunha actuación sólida que se traduciu en varios títulos e, sobre todo, na clasificación de tres dos seus deportistas para o Campionato de España, previsto para o mes de xullo.

Un dos nomes propios foi Alex Coraje Castro, que se impuxo en categoría elite (-70 kg). O púxil de Guizán chega ademais nun momento destacado da súa carreira, tras encadear tres títulos galegos consecutivos no campo neoprofesional e situarse á cabeza do ranking galego na categoría super welter, tal e como apunta o seu adestrador, Juan Alonso.

Tamén subiu ao máis alto do podio Laura Mendivil, que se proclamou campioa galega xove en -54 kg despois de gañar a final por decisión unánime. Un triunfo que lle abre as portas do Nacional.

Na categoría masculina, Manuel Hermida asinou unha fin de semana redonda: vitoria en semifinais o sábado e novo triunfo na final o domingo, ambos por decisión unánime, para colgarse o ouro galego e asegurar tamén a súa presenza no campionato estatal.

Máis alá destes resultados, o CKM segue consolidándose como un dos clubs máis activos e competitivos dos deportes de contacto en Galicia. O seu traballo non se limita ao boxeo: tamén en kickboxing e MMA veñen sumando títulos a nivel autonómico e estatal, nun proxecto que continúa medrando paso a paso.

Comparte este artigo