O concello da Lama colabora coa Universidade de Vigo nun estudo sobre os beneficios do contacto coa natureza que se realizará no municipio

Redacción

Celebrarase unha xuntanza no Multiusos da Lama con aquelas persoas interesadas en colaborar nesta iniciativa investigadora.

O Concello da Lama colabora co grupo de investigación FS1 Fisioterapia Clínica da Universidade de Vigo nun proxecto científico que analizará os efectos do contacto coa natureza no organismo humano. A iniciativa, denominada “Proxecto EVA” conta tamén coa participación do IIS Galicia Sur e conta co apoio do Plan Social ENCE.

Dentro desta colaboración, o vindeiro luns 1 de xuño, ás 11:30 horas, celebrarase no Edificio Multiusos da Lama unha reunión presencial informativa destinada a todas aquelas persoas interesadas en participar no estudo.

As investigadoras encargadas do proxecto son Eva Mª Lantarón Caeiro, profesora da Facultade de Fisioterapia e investigadora principal do Grupo de Fisioterapia Clínica, e Ana Gil Iglesias, investiadora do Programa de doutoramento CREA do Campus de Pontevedra.

O obxectivo desta investigación é afondar no coñecemento dos beneficios que os espazos naturais poden ter sobre a saúde e o benestar das persoas, promovendo ao mesmo tempo a participación cidadá na ciencia.

O alcalde da Lama, David Carrera, destacou a importancia de que o municipio participe en iniciativas innovadoras ligadas á saúde e ao medio natural. “A Lama é un concello privilexiado pola súa contorna natural e este tipo de proxectos permítennos poñer en valor os nosos recursos ao tempo que colaboramos co avance científico”, sinalou.

Carrera tamén animou á veciñanza a sumarse á iniciativa: “Facemos un chamamento á participación da cidadanía porque este estudo pode contribuír a mellorar o coñecemento sobre a relación entre natureza e saúde, ademais de situar A Lama como un referente neste tipo de experiencias”.

As persoas interesadas en obter máis información ou participar poden contactar coa organización a través do teléfono 649 543 500.

Comparte este artigo