Manterase o prezo en 15 euros por persoa e a xornada completarase coa actuación musical de Ventos da Terra, a Charanga Noroeste e o teatro musical de Catro Ventos “Noutrora”.
O Concello da Lama acolleu a presentación oficial da XXIV edición da Festa Gastronómica do Codillo da Lama, unha cita xa consolidada no calendario festivo e gastronómico da comarca e que volverá reunir a máis dun milleiro de persoas arredor dun dos pratos máis representativos da gastronomía local.
No acto participaron o alcalde da Lama, David Carrera; o tenente de alcalde, José Fortes; o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya; e a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, quen destacaron a importancia desta celebración como motor de dinamización social, turística e económica do municipio.
A festa celebrarase o domingo 14 de xuño na Alameda da Lama, cun menú centrado no tradicional codillo acompañado de pan e viño incluídos, a un prezo popular de 15 euros, que non varía desde hai anos pese á inflación xeralizada no país. O evento contará cun servizo de cátering entre as 13:30 e as 15:00 horas e desenvolverase nunha gran carpa con capacidade para máis de 1.000 persoas.
Durante a presentación, os representantes municipais puxeron en valor o carácter familiar e participativo da cita, así como o esforzo realizado desde o Concello para consolidar unha programación variada dirixida a todos os públicos. Ademais da proposta gastronómica, a xornada incluirá actuacións musicais e actividades culturais ao longo do día.
O programa arrancará ás 12:00 horas coa actuación de Ventos da Terra, seguida da Charanga Noroeste ás 15:30 horas e do espectáculo Teatro Musical “Noutrora” protagonizada polos Catro Ventos ás 18:00 horas.
Desde o Concello da Lama animan á veciñanza e visitantes a participar nesta nova edición da festa, que combina tradición culinaria, convivencia e promoción dos produtos galegos de calidade nun ambiente festivo e de encontro social.
VENDA ANTICIPADA DE TICKETS NO CONCELLO E NA BIBLIOTECA
A venda anticipada de tíckets levarase a cabo nas oficinas municipais e na Biblioteca da Lama a un prezo de 15 euros co que se terá dereito a degustar nas mesas e bancos habilitados baixo enormes carpas o codillo, levarse o prato de barro serigrafiado coa presente edición da Festa, pan, viño ou auga, garfo e coitelo.
David Carrera e Plácido Pillado informaron tamén que se reforzará a organización a través da participación de voluntarios, así como membros da Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea e habilitaranse varios accesos para evitar que se acumule nunha cola soa o servizo de dispensado de racións co fin de axilizar ao máximo a repartición das máis de mil racións que se prevén para este evento gastronómico o máis numeroso da comarca do Verdugo-Oitavén.
PRODUTOS CON INDICACIÓN XEOGRÁFICA PROTEXIDA
Nesta edición tamén haberá unha mostra de produtos da terra con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) que serán promocionados durante a celebración gastronómica a través da colaboración da Consellería de Medio Rural e AGACAL (Axencia Galega da Calidade Alimentaria), entidade adicada especialmente a promocionar a agroalimentación ecolóxica e de produtos naturais procedentes de hortas, elaborados tradicionais e mesmo novas iniciativas naturais desenvolvidas por emprendedores e artesáns galegos así como apicultores da zona.
Os representantes municipais tamén animan ás persoas que se acheguen a degustar o codillo á Lama que aproveiten para coñecer os diversos atractivos turísticos do municipio compostos por diferentes rutas de sendeirismo, paraxes naturais incomparables e ríos de augas excelentes como o Verdugo ou o Oitavén e paseen pola Ruta da Liberdade onde estarán expostos os espantallos que forman parte do concurso que organiza a Asociación de Veciños da Escuadra.

