O Concello de Arbo recibe a confirmación de Educación do inicio da redacción do proxecto de rehabilitación integral e funcional do CEIP Antonio Carpintero

adminON
Lectura mínima de 2

-A actuación consistirá na mellora da envolvente, eficiencia enerxética, iluminación, acondicionamento de espazos e carpintarías interiores, entre outras obras, para darlle continuidade ao cambio eléctrico e das fiestras acometidos en anos anteriores

-Os prazos estiman que o proxecto estará listo ao comezo da primavera para proceder posteriormente á súa contratación cun orzamento que superará os 600.000 euros

O Concello de Arbo vén de recibir, por parte da Consellería de Educación, a confirmación oficial do inicio da redacción do proxecto de rehabilitación integral e funcional do CEIP Antonio Carpintero, o único do municipio e que acolle no presente curso académico a 130 rapaces de educación infantil e primaria.

Segundo explicou o alcalde, Horacio Gil, a actuación consistirá na mellora da envolvente e da cuberta, a adopción de medidas de eficiencia enerxética, a renovación dos sistemas de iluminación, o acondicionamento de espazos ou a remuda das carpintarías interiores, entre outras obras.

Deste xeito, daráselle continuidade aos traballos acometidos ao longo dos últimos anos e que se centraron no cambio do sistema eléctrico e das fiestras, así como as oportunas obras de mantemento.

“O centro está, en xeral, en boas condicións porque foise actuando no mesmo, pero é un edificio da década dos setenta, como moitos dos que hai en Galicia, polo que chegou o momento de que se faga unha actuación integral para dispoñer dun colexio público moderno e para moitos anos e no que se incremente a confortabilidade da comunidade educativa, que rolda as 150 persoas”, explicou o rexedor local.

Ademais, segundo a información trasladada pola consellería, os prazos que se manexan apuntan a que proxecto estará listo e rematado ao comezo da primavera para proceder, posteriormente, á súa licitación e contratación cun orzamento que quedará fixado cando se coñeza o documento, pero que superará, polo volumen da actuación, os 600.000 euros.

Comparte este artigo