O Concello de Baiona aproba o V Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2024-2029

adminON
Lectura mínima de 2

A Corporación de Baiona aprobou o seu quinto plan de igualdade no pleno de onte.

No marco das conmemoracións do #8M Día Internacional da Muller o Concello de Baiona leva a pleno para aprobación o V Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2024-2029. Esta proposta, composta por 49 medidas, ten como obxectivo dar continuidade aos plans anteriores I Plan de Igualdade (2005-2006), II Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes (2008-2010), III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes (2012-2015) IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes (2019-2023) e ampliar as políticas de igualdade, centrándose especialmente na transversalidade de xénero. A través dunha serie de medidas, búscase aplicar un enfoque igualitario que promova o benestar persoal da poboación e fomente un cambio de valores que impulse unha maior integración da igualdade na cidadanía de Baiona. Este plan reforza o compromiso municipal coa promoción da igualdade no ámbito do concello de Baiona.

As 49 medidas estrutúranse en 4 bloques, abarcando áreas como a transversalidade e a coordinación institucional (13 medidas), a loita contra as violencias machistas (16 medidas), a educación para a igualdade e a organización social corresponsable e sostible, así como a promoción económica do emprego (10 medidas), e o empoderamento e a participación social das mulleres (11 medidas). Co fin de garantir a implementación de todas as iniciativas incluídas neste plan, asígnase a responsabilidade a varias concellerías, as cales se encargarán de supervisar o seu progreso.

O V Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes asegurará a continuidade dos esforzos en políticas de igualdade, promovendo a participación equitativa de mulleres e homes en todos os aspectos da vida, incluíndo o económico, o político, o social e a toma de decisións. Ademais, buscarase garantir a igualdade de acceso e beneficio en actividades educativas, de formación, culturais e de emprego, contribuíndo así ao desenvolvemento e progreso equitativo de Baiona.

Comparte este artigo