A Festa do Costillar á Estaca está próxima a cumprir cos requisitos de antigüidade, continuidade no tempo e valor gastronómico, turístico e cultural necesarios para optar a esta definición por parte da Xunta de Galicia
A duodécima edición da cita terá lugar este domingo, 2 de agosto, para a cal xa se superou o número de lotes de carne vendidos na edición de 2025, con preto de 60
O Concello de Caldas de Reis prestará á organización da Festa do Costillar á Estaca de San Clemente todo o apoio que sexa necesario para lograr que esta celebración, que o vindeiro domingo vivirá a súa duodécima edición, sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta. Así o confirmou o alcalde, Jacobo Pérez, que sinala que este evento “é xa, por dereito propio, un referente gastronómico na bisbarra e na provincia de Pontevedra”, como o demostran os máis de 1.000 asistentes que congrega ano tras ano. “A festa está moi próxima a cumprir cos requisitos que establece a Xunta de Galicia para lograr esta catalogación. Conta cunha antigüidade importante, así como continuidade no tempo e cun enorme arraigo popular, ao que hai que engadir tamén o gran valor cultural e a promoción turística que supón para Caldas de Reis”, apuntou Pérez Gulín, que anima aos responsables a presentar a documentación pertinente. “Desde o Goberno local axudaremos en todo no que estea na nos man” garantiu.
A XII Festa do Costillar á Estaca de San Clemente terá lugar o domingo, 2 de agosto. De madrugada procederase ao prendido do lume para preparar o emblemático asado. Logo do habitual sorteo de lotes, ás 14.30 horas comezará o Xantar Popular, na Carballeira situada a carón da igrexa. Tal e como sinalan desde a organización, nesta edición superouse o número de lotes vendidos, con preto de 60. Existía a opción de adquirilo para 10 persoas (250 euros) ou para 20 (500 euros).
O prazo de reserva finalizou o pasado luns con cifras superiores a 2025.
Ademais do atractivo gastronómico que supón degustar a carne preparada á estaca, a festa ofrece un programa moi completo, pensado para xente de todas as idades. Deste xeito, pola tarde, a partires das 17.00 horas, organizaranse xogos tradicionais para gozar en familia e especialmente dirixidos a cativos e cativas. A música tamén será protagonista grazas aos concertos que ofrecerán os tríos Luces de Bohemia e Los Soprano.
Jacobo Pérez confía en que a Festa do Costillar á Estaca volva a ser un éxito rotundo e puxo en valor “o traballo e o esforzo que levan a acabo os integrantes da Asociación Costillar á Estaca de San Clemente para consolidar este evento”, co que tamén colabora o Concello de Caldas de Reis.

