O Rosal retoma as andainas interpretativas cun percorrido entre fervenzas, muíños e historia polo río da Cal

Redacción

Será o sábado 24 de outubro cunha ruta de 8 km que pasará pola capela de San Martiño e os muíños do Folón e do Picón. Abertas as inscricións

O Rosal volve calzar as botas para descubrir o seu patrimonio natural, histórico e cultural cunha nova cita das andainas interpretativas, que regresan o vindeiro sábado 24 de outubro cun percorrido polo río da Cal. Nesta ocasión, o itinerario terá como protagonista un enclave de gran riqueza paisaxística e patrimonial no que as pozas, os saltos de auga e as fervenzas conviven cos muíños do Calán e con numerosos vestixios da historia local.

A andaina permitirá coñecer non só a beleza natural da contorna, senón tamén os usos e costumes da veciñanza ao longo dos anos. As persoas participantes descubrirán a antiga canteira da que se extraía a pedra para fabricar as rodas dos muíños, achegaranse á capela de San Martiño e ao Chan da Cereixa e poderán contemplar tamén os conxuntos de muíños do Folón e do Picón, por onde discorrerá o regreso.

Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, é fundamental achegar ao público propostas que permiten descubrir o municipio desde outra perspectiva. “Ás veces temos moi preto lugares extraordinarios dos que descoñecemos boa parte da súa historia. Estas andainas son unha oportunidade para coñecer mellor o noso territorio e gozar dun patrimonio que forma parte da nosa identidade”, sinala.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, salienta o carácter interpretativo da actividade, xa que “non se trata só de camiñar. Queremos que cada parada sirva para descubrir algo novo, desde a relación que tiñan os nosos antepasados coa auga ata os oficios e os aproveitamentos tradicionais do monte. O río da Cal reúne moitos deses elementos nun percorrido especialmente atractivo”.

Un percorrido de 8 quilómetros e dificultade moderada

A andaina comezará ás 10.00 horas do sábado 24 de outubro e terá unha distancia aproximada de 8 quilómetros, cunha duración estimada de tres horas e media.

O itinerario presenta unha dificultade moderada, cun desnivel acumulado de case 300 metros, polo que está recomendado para persoas cun mínimo de condición física e sen problemas de mobilidade.

A actividade contará con prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado na web municipal ou no Rexistro do Concello. Unha vez pechada a inscrición, as persoas participantes recibirán por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida e auga, así como a declaración responsable necesaria para participar.

Comparte este artigo