O Concello de Marín denuncia unha vaga de roubos de cable que está a afectar ao alumeado público en distintos puntos do municipio

Redacción

O Concello de Marín informa da detección de numerosos roubos de cableado do alumeado público en diferentes zonas do municipio, uns feitos que están a provocar importantes incidencias no servizo, pese a que os tramos subtraídos non sexan de gran lonxitude.

A Brigada de Electricidade municipal foi a encargada de detectar estas actuacións, que se viñeron producindo nas últimas semanas en distintos puntos de Marín.

O primeiro episodio tivo lugar no Sequelo, onde foi subtraído un tramo de aproximadamente 50 metros de cable. Posteriormente, durante este mes, os roubos intensificáronse, afectando a varias localizacións.

No aparcadoiro de O Campo foron roubados arredor de 200 metros de cable soterrado; detrás do Mercadona foi subtraído outro tramo aéreo duns 30 metros; e na zona dos petroglifos, onde o cableado tamén é soterrado, desapareceron aproximadamente 40 metros.

Tamén se detectaron roubos en Portocelo, á altura da zona dos magnolios, onde foi retirada unha tapa sen soldar para acceder ao cableado, así como detrás do Sequelo, na zona da lavandería, onde os autores se subiron a un poste do alumeado de Fenosa para extraer outro tramo de cable duns 30 metros.

O último episodio detectado afectou á zona situada detrás do Mercadona e a
estrada que discorre detrás do cemiterio, onde foron subtraídas as baixantes con
cable de terra do novo alumeado LED.

Desde o Concello de Marín xa se cursou denuncia ante a Policía Nacional, con data de onte, para que se investiguen estes feitos, que tamén se están producindo noutros puntos da provincia.

O Goberno local quere salientar que este tipo de roubos xeran unha importante afección ao servizo de alumeado público. Aínda que os metros de cable subtraídos poidan parecer limitados, a súa desaparición pode deixar fóra de funcionamento varias rúas completas ou afectar a entre 20 e 30 puntos de luz.

O Concello está a traballar para repoñer as instalacións danadas coa maior brevidade posible, tanto cos medios propios da Brigada de Electricidade como coa colaboración de empresas externas, co obxectivo de recuperar canto antes a normalidade no servizo.

Comparte este artigo