O Concello de Marín inicia a rehabilitación do lavadoiro de Soaxe cun investimento de 25.574 euros

Redacción

A actuación permitirá recuperar a presa de entrada de auga e acometer os traballos de mantemento necesarios para garantir a conservación e o correcto funcionamento deste elemento patrimonial catalogado

O Concello de Marín vén de iniciar as obras de rehabilitación do Lavadoiro de Soaxe, unha actuación moi demandada polos veciños e veciñas deste lugar e que conta cun investimento municipal de 25.574 euros.

Os traballos teñen como principal obxectivo recuperar a presa de entrada de auga que abastece o lavadoiro, así como executar as actuacións de mantemento e conservación necesarias para garantir o seu correcto funcionamento e preservar o seu valor como elemento do patrimonio local.

A intervención incluirá tamén actuacións sobre a propia estrutura do lavadoiro e a súa cuberta, co obxectivo de mellorar o estado xeral da construción e asegurar a súa conservación a longo prazo.

O Lavadoiro de Soaxe é un elemento patrimonial catalogado e constitúe, ademais, un espazo cunha importante dimensión social para os habitantes do lugar, que demandaban esta actuación.

Ao longo dos anos, este enclave converteuse nun punto de encontro e de relación entre os veciños e veciñas, formando parte da identidade propia de Soaxe e da memoria colectiva da parroquia.

Comparte este artigo